La Voz de Galicia

O día dos frikis

Barbanza

Francisco Ant. Vidal

Cada 25 de maio están de festa

25 May 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Todos os martes, no bar onde paramos a tomar as cañas, encontrámonos con un grupo de mozos e mozas xogando ás cartas sobre un tapete de cartón decorado con un labirinto cheo de castelos centroeuropeos, covas con monstros e paisaxes fantasmagóricas onde reparten, a modo de fichas, unhas figuras máis propias dunha saga nórdica ca do mundo real. Pregunteille a un coñecido por eles e só me dixo que eran uns frikis.

 

Na mesa do lado estaban uns señores maiores xogando con cartas das de toda a vida sobadas polo uso, con reis de bastos e copas, sobre un tapete verde, e non hai día que falten ó seu encontro. Pero estes non son frikis. Fan o mesmo pero é outro xogo. Estou seguro que nin os mozos saben xogar ó xogo dos vellos nin os vellos ó dos mozos.

 

Non lle vou facer caso a esas definicións que nos presentan ós frikis como seres obsesionados con algunha ficción cinematográfica, de cómic ou de literatura fantástica, porque se a iso vamos, quen non tivo algunha vez desexos de vivir as vidas dalgún dos seus heroes imaxinarios? Teño un amigo que, aló polos anos da adolescencia, soñaba con pilotar o Nautilus ou viaxar á lúa dentro dunha bala de canón, como propoñía Xulio Verner, e incluso tomou algún que outro apunte para facer realidade os seus soños. Pero este amigo nunca foi friki, o máis a que chegou foi a ser un rariño. Pertencía ó grupo daqueles rapaces introvertidos que coleccionaban selos ou cromos e preferían encerrarse coas súas fantasías antes de saír a darlle unhas patadas ó balón.

 

Din que os frikis métense tanto no papel dos seus heroes que ata se disfrazan co mesmo tipo de roupas daqueles, pero nada teñen que ver con ese outro grupo de persoas que vimos estes días coa camiseta de Lucas Pérez, desexando subir a segunda ou coa de Iago Aspas invocando á deusa fortuna para non descender, sen máis tema de conversa que o fútbol nin máis lecturas que as páxinas de deportes, obsesionados cos seus heroes e os seus equipos. A estes só lles chamamos seareiros.

 

Todos temos as nosas teimas e as nosas excentricidades, pero ós frikis acúsanos de ser tan maniáticos que calquera momento lles serve para meterse na pel ou na roupa dos seus personaxes ideais, ata o extremo de maquillarse para parecerse a eles, e ata poden darse casos de alongar as orellas co fin de identificarse co capitán señor Spock. Cargan co seu portátil coma quen carga coa propia identidade e a maioría deles son expertos en novas tecnoloxías, pero a palabra friki segue sendo despectiva.

 

E agora, cando todo ten o seu día, para celebrar o orgullo de ter os gustos que teñen, cada 25 de maio están de festa, en conmemoración do estreo da película Star wards de 1977, como querendo revivir ese mundo futurista, cheo de fantásticas vivencias que desafían as máis elementais leis da ciencia.

 

 

 

 

O meu amigo nunca chegou a vestir as roupas do capitán Nemo ou dun astronauta decimonónico, e menos aínda de ningún equipo de fútbol, agás cando xogaba de suplente co seu colexio, pero nas súas fantasías incluso chegou a pelexarse con unha lura xigante. Non era friki pero era moi imaxinativo.

 


Comentar