La Voz de Galicia

Último paseo de agosto

Barbanza

gonzalo trasbach

08 Sep 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Último paseo longo do mes de agosto. Entras na Boliña seguindo o serpenteante curso do río Breiro até a entrada do Rexidor. Despois de camiñar un treito, máis arriba das casas, viras cara á costiña que ascende pola ladeira norte do alto das Forcadas. Paras nun outeiriño para coller alento. Entre o inmenso silencio dos piñeiros e eucaliptos e baixo o aire quente dunha sufocante media tarde de estío, como non había ninguén no espazo do visible, comezaches a falar só. E deseguido pensaches: «Falamos sós para esquivar as inquietantes sombras da morte». Naquel lugar solitario, escoitas a auga das fontes da túa tristeza patalóxica, que retorna case sempre cos derradeiros latexos do verán. E á vez oes as delicadas voces do outono, que xorden para suavizar os momentos sombríos dunha estación que esmorece lentamente, como a luz da tarde.

 

De súpeto, sorpréndeche a irrupción dunha voz interior que, sen pedir permiso, sóltache con todo descaro unha pregunta inesperada: «Ti por que escribes?». Despois de meditalo un instante, respondes cunha especie de tartamudez: «E por que non ía facelo?, que outra cousa sei facer ou podo facer?». Un minuto máis tarde, explícaslle ao teu desvergonzado inquilino: «Non hai niso ningún afán estético nin moralizante. Non se trata de impresionar a ninguén, só de estar a ben cun mesmo. Iso é todo e non é pouco».

 

Coa axuda do teu bastón de espiño, poste de novo en marcha. Non te volves deter até alcanzar o chan de fronte do cemiterio. Buscaches logo un sendeiro de pés polo que penetrar nos piñeirais de sobre Trevonzos. Deches co antigo camiño de carros e por el descendiches até As Revoltiñas. Entón fas un alto diante da que era a horta e a casa de Santiago o de María de España, a quen, cando erades pequenos, bautizastes coma o Turkistán. Pero pola súa considerable corpulencia nunca llo diciamos á cara. Estás absolutamente só. Non se ve nin se sente paxaro algún. E neste contexto retomas o fío sobre a escrita. E nese intre retorna a túa voz interna e diche: «Logo escribes para conxurar o medo que che esperta no medio da alta noite, non si? Porque para ti é como rezar unha pregaria, non?».

 

Respostas afirmativamente e despois volves a camiñar. Cando chegas á fonte de Novelle, un espazo hogano completamente abandonado, outra vez regresa a túa insistente voz interna e nesta ocasión pregunta: «Logo escribir é tamén un xeito de resistencia?». Contestas que non o sabes, pero que si che parece unha forma de aprender a ser xordo ás burlas enxeñosas dos necios, dos estúpidos, e mesmo é un xeito de conter o medo á soidade ou para soportar a luz vertical do mediodía, cando non hai sombras. Mais tamén que che parece un modo de recordar o camiño de volta «ao lugar onde demos os nosos primeiros pasos».

 

Despois de pasar pola caseta que contén dentro as arquetas coa auga da que se nutren as familias da aldea, no camiño que atravesa a toxeira que era dos avós, só completamente, oes o murmurio dos arumes e o rumoreo das tímidas carrouchas. E aló pensaches: «Cando escribimos estamos absolutamente sós. Mais trátase dunha soidade poboada de seres anónimos e descoñecidos. Seres misteriosos cos que conversamos e cos que tamén conspiramos, coma nos tempos da nosa xuventude».

 

Foi entón cando te lembraches do que un día che dixera un amigo escritor e pensador: «Escríbese a golpe de exterior. Escríbese coa tinta de intres clandestinos onde non ocorre nada e á vez ocorre todo. No exterior natural, nesa realidade do aí fóra, por todas partes recuberta de conexións e pantallas, ocorre sempre “algo”: o sortilexio dunha caducidade incorruptíbel».

 


Comentar