La Voz de Galicia

José Carlos Vidal: «O fervor relixioso en torno á procesión ten un valor moi especial»

Barbanza

Marta Gómez

O rexedor pobrense encara as celebracións coa tranquilidade que dá saber que hai un gran traballo previo detrás da organización

13 Sep 2024. Actualizado a las 05:00 h.

M. GÓMEZ, LA VOZ

alcalde da Pobra, José Carlos Vidal, recoñece que o ano pasado, o primeiro como mandatario, descubriu unha emoción e unha intensidade nas festas do Nazareno descoñecidas para el ata ese momento. Estes días agarda revivir esas sensacións, sen deixar de estar pendente de todo o que rodea ás celebracións para que veciños e visitantes poidan desfrutalas sen contratempos.

—É o seu segundo Nazareno como alcalde, este ano estaba xa engraxada toda a maquinaria dos preparativos?

—Si, o ano pasado colleume máis de improviso, agora xa teño a experiencia de algo máis dun ano na alcaldía e penso que se nota á hora de afrontar determinadas cuestións, xa non me colle de novato. E unhas festas coma estas esixen moito traballo previo, sobre todo en determinados aspectos como pode ser a seguridade.

—O Concello asume un maior peso na organización este ano, que supón iso a nivel municipal?

—O ano pasado nós asumíamos un día das festas e este son tres, e iso esixe un maior traballo e dedicación, sobre todo de determinado persoal do Concello, e principalmente para a concelleira de Cultura, que fai un traballo de programación e planificación estupendo. Neste caso, a comisión levaba xa un traballo feito e algunhas actuacións xa estaban contratadas, así que unha parte do programa vai na liña do que se viña facendo ata agora, pero tamén queremos poñer o noso selo. E na parte económica tamén supón un maior gasto, claro, dedicamos ás festas máis de 100.000 euros. Pero penso que paga a pena e que esa dedicación e ese esforzo económico se vai notar no resultado final.

—Independentemente do programa de actividades, a procesión do Nazareno é a principal cita nestas datas, viviuna dun xeito especial o ano pasado?

—Si, recórdoa cun cariño moi especial. En outras ocasións eu vía a procesión desde fóra e o ano pasado formei parte da comitiva por primeira vez e teño que dicir que foi moi especial. Vivín algún momento moi emocionante, sobre todo ao chegar á Covecha, cando a xente se achegaba e quería tocar o Nazareno. Recordo unha nai que collía á súa filla, que era un bebé, para que tocara a vestimenta do Nazareno... Cando ves ese tipo de cousas en primeira fila dáste conta do fervor relixioso que ten a xente.

—Por algo é tan multitudinaria esta festa...

—Si. Moitas veces fálase do programa e das actuacións, e non acabamos de ver o aspecto relixioso, e ao cabo é o fin último das celebracións. O fervor relixioso en torno á procesión ten un valor moi especial que puiden apreciar en primeira liña. Esa devoción non deixa a ninguén indiferente, e moitas veces non somos conscientes dela, cando vén incluso xente de fóra de Galicia por unha promesa ou un ofrecemento, ou simplemente atraídos por esa relixiosidade.

—Ten unha actividade ou unha parte favorita dentro do programa de actos do Nazareno?

—Ata o ano pasado valoraba outras cousas das festas, a verdade, unha actuación determinada, pasear polos Xardíns, o ambiente... Pero o ano pasado o momento máis emocionante e que vivín con máis intensidade foi a procesión. E estou convencido de que este ano será igual. Tamén me gustan moito os fogos de artificio e esta vez cos drons a ver como saen, a ver como funciona, igual o ano que vén cambio a miña resposta [ri].

—O espectáculo con drons é unha das grandes apostas.

—Como toda novidade supón certo risco, pero creo que vale a pena asumilo porque penso que a xente vai quedar encantada, estou convencido de que o público o vai desfrutar. E aproveito para lembrar que a mellor zona para velos é Os Areos.

«Sei que conto con un bo equipo de traballo»

A calquera alcalde que se lle pregunta por como vive as festas da súa localidade, responde invariablemente que unha das principais preocupacións é a seguridade. José Carlos Vidal non é unha excepción, e motivos non lle faltan dada a multitude de visitantes que recibe A Pobra nestes días, e moi especialmente o domingo para participar na procesión.

—Falaba antes de que hai un gran traballo previo, que é o que máis o ocupa e o preocupa nos días previos e durante o desenvolvemento das festas?

—Non son unha persoa que se estrese e sei que conto con un bo equipo de trallo que ten moita experiencia e está pendente de que todo vaia ben. Dito isto, o que máis nos preocupa aos alcalde é o tema da seguridade. A Pobra vén desenvolvendo un traballo en seguridade moi bo, levamos moitos anos celebrando este tipo de festas e sabemos o que hai que facer. Sempre temos previamente a xunta local de seguridade, na que se toman todas as medidas sobre a organización, é un aspecto ao que dedicamos moitísimo tempo e esforzo. Coordínanse os distintos corpos de seguridade, reforzamos a Policía Local e Protección Civil e contamos co apoio de efectivos doutros concellos.

—Teñen unha previsión de canta xente pode achegarse ata A Pobra o domingo?

—A experiencia que teño é que é moi difícil, practicamente imposible, facer unha previsión. Trala pandemia cambiaron moitísimo os costumes e houbo un baixón moi grande de xente. Os números aínda non se acabaron de recobrar de todo, aínda que pouco a pouco estase vendo máis afluencia e encamíñase ás cifras que había tradicionalmente. Tamén é certo que antes era máis fácil calcular os visitantes polos autobuses que chegaban á vila, pero hoxe a maioría viaxa en vehículos particulares e é máis complicado. Iso tamén nos obriga a facer un traballo arduo para habilitar espazos de aparcamento suficientes, pero temos unha experiencia dilatada nisto que nos serve para estar preparados.

—Este domingo coinciden Nazareno e Guadalupe, hai rivalidade?

—Igual se reparte máis a xente entre un sitio e outro, pero penso que hai espazo para todos e seguro que van ser as dúas festas espectaculares. Aínda que a procesión do Nazareno é espectacular e un foco de atracción moi forte, creo que non vai haber competencia da Guadalupe, estou convencido de que o número de visitantes na Pobra vai subir.

 

 


Comentar