La Voz de Galicia

E ti, para quen escribes?

Barbanza

gonzalo Trasbach

«Nos primeiros días do mes nono, rememoramos a andaina que completamos nunha das derradeiras datas de agosto»

15 Sep 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Nos primeiros días do mes nono, rememoramos a andaina que completamos nunha das derradeiras datas de agosto. No anterior artigo quedamos parados mentres reflexionabamos sobre a escrita no medio do piñeiral dos avós, cerca do espazo aberto e case circular onde conflúen os catro camiños que conducen á parte de arriba, á do medio ou á baixa das casas da aldea. E foi nese sitio cando por vez primeira a túa voz interior se amosou amigable contigo. E case murmurando soltouche unha oración que che fixo cavilar. Dixo: «Non esquezas que a aceleración coa que vivimos queima. E a pausa que necesitamos para vivir con calma, sosego e a fondo, hai xa tempo que foi desterrada».

 

Aló arriba, plantado entre as árbores, pensaches: «O mes oitavo vaise entre murmurios de arumes secos e caspelas e tamén de moumeos de fieitos». E un pouco despois un zunido chamouche a atención: era o fulgor dunha tormenta que viña desde o cantil da baixamar. E tamén chegou o fulgor das ondas do mar esmorecendo sobre a area da praia solitaria. E logo observaches o claro dunha valgada onde hai un tempo había viñas mestas de uvas brillantes e campos de centeo e trigo dourado. E onde noutro tempo había cultivos, agora vense arames oxidados tirados sobre a maleza, postes de granito e barrotes de cemento ciscados sobre o chan, entre silvas, xestas e arbustos… Hogano son terreos desprezados até polos teixugos, os porcos espiños e os xabarís. Onde antes había no aire aromas e perfumes de plantas e flores, agora domina no ambiente un cheiro ao facotexo, e a raposos mortos de fame.

 

Onde antigamente crepitaban a resina, a brea e as piñas, arestora non se percibe nin un rastro dalgún coello salvaxe. E murmuras polo baixo: «Debe haber xa uns cantos anos que por aquí non se escoitou o son dun disparo de escopeta. Por estes lugares por onde os nosos devanceiros seguían as afelpadas pisadas de animais indómitos, agora non se asoman nin os lobos, que por aqueles afastados días dormitaban agochados entre os toxos e as acacias, esperando por algunha ovella despistada, enferma ou perdida.

 

Cando logo duns minutos descendiches cara a Faldexín, na curva do camiño que bordea os viñedos dos herdeiros do señor Xerardo, que cruzan de norte a sur os cables da luz de alta tensión, sentaches na boqueira da toxeira da irmá Lula. E desde alí albiscabas a punta do Capitán, a desembocadura do río Ulla, que morre no mar das Viriñas, na costa sur da illa de Cortegada, o estreito entre esta e o illote dos Ratos que deixa ver aló no fondo Vilagarcía. E entón retornou outra vez a túa previsora inquilina. Lembrouche o suceso que ocorreu nunha ocasión cando regresabas da capital arousá no barco do teu pai. Era un mediodía de vento e choiva. O teu vello púxoche o temón nas mans e díxoche que levaras o rumbo mentres ía mirar o motor. Cando volveu viuche cos ollos mirando para abaixo e pálido. Dixécheslle que dentro da ponte te mareabas e tiñas que estar na cuberta ao aire libre. Puxeches o chaquetón de augas e saíches. Aínda lle escoitaches rosmar polo baixo: «Este rapaz non me vale para ser mariñeiro».

 

Cando te erguiches e enfilaches o camiño para Brión a voz retomou o fío da escrita. E interrogouche: «Logo ti para quen escribes? E por que escribes á man?». Entón explicácheslle: «Cando escribes á man sentes como xorden as palabras, como palpitan e crepitan. Mais isto é así sobre un folio, mais non ocorre así nun liso e suave teclado do ordenador. En canto para quen escribo, gustaríame que fose como o fai Juan Manuel de Prada, cando di na súa novela Mil ojos tiene la noche: «No escribimos para la generación presente, sino para los que ya están muertos o para los que aún no han nacido». Pero un non é escritor. Un escribe para uns poucos amables e amigables lectores e lectoras, que, dalgún xeito, sabemos que son fieis. Grazas.

 

 


Comentar