Gamelas sen toletes no mar da lembranza
Barbanza
22 Sep 2024. Actualizado a las 09:08 h.
Noite pechada. Espertas cara á madrugada. E repasas escenas dos soños que, coma sombras, poboan o teito do teu dormitorio. Había gamelas sen toletes nin remos varadas na area de debaixo do alto curral de María a Martela. Racús sen cornamusas arrastraban os aparellos no mar das lembranzas, que abranguían as augas entre a Punta do Capitán e o cabo de Castro Neixón. Nese intre escoitaches unha voz que descendía do aire e dicíache: «Estes teus soños son propios dos que tivestes nunha infancia case fascinante, a rebentar de experiencias fantasiosas, que non é o mesmo que felices ou infelices. Os que coñecestes un universo tan fabuloso tiñades unha enorme confianza no mundo dos espíritos».
«Un universo —agregou esa amigable voz— ateigada de seres invisíbeis, coma trasgos, pantasmas, espectros e mesmo unha poderosa imaxe de Deus. Ese cosmos de seres lendarios e tamén terroríficos sabiades que estaba por enriba de vós, cando nos anoiteceres, xogabades na corredoira da aldea, un territorio mítico onde habitualmente vos sentiades protexidos dos malos espíritos, nos que tamén criades». Pensaches despois que tal espazo de terra, pandullos e lama onde vos encontrabades, xa non existe. Fica sepultado baixo o asfalto dunha estreita estrada. Tampouco existe aquela infancia. Por iso intentas conservala nos escritos, como amigos e amigas que eramos do po, dos croios, do monte e da praia, ou da ribeira do mar.
E un pouco máis tarde, recordaches que ao lado do muíño do Vitorio, do regueiro ou das casas da vella Carmona e dos Peiteados sempre tiñades a impresión de que un ente máis poderoso ca ninguén sobrevoaba sobre vós. Antes de que volveses quedar durmido, oíches unha voz que rememoraba pasaxes dos Evanxeos: «El Señor está sobre mí, por cuanto me ha ungido para dar buenas nuevas a los pobres».
No abrente. Cando a luz da alborada asomou polos cristais das fiestras, soñabas cos días nos que iades á escola de Abanqueiro. Polas mañás ao alcanzar o lugar de Xión, onde estaba o estaleiro de Luís Carolada, moitos días quedabades pasmados observando o traballo dos homes que lles daban forma a un futuro barco: a quilla apuntando cara ao mar, as cadernas encastradas nas guías, e namentres os gatos minaban na trapela da popa. Agardaban impacentes polo gran festín da botadura, prevista talvez para a encarnada lúa chea de agosto, cando a marea sobe tanto que sobrepasa a estrada do Bodión.
Tan fascinados e absortos estabades coas manobras dos carpinteiros que, algún deles, vos tiña que recordar que chegariades tarde á escola. E así foi. E quedaches fóra daquela casiña descunchada de Quintáns, por enriba da Fieteira. Aló impartía clases unha fermosa moza de Compostela a unha tropa de cans revoltosos e rabiosos. Dende a porta viamos como a mestra se movía entre os bancos dos pequenos e as poucas mesas dos maiores. Parecíanos que andaba sobre o aire azul da mañá, aureolada por unha luz que facía brillar a xeada do amencer, cando aínda os paxaros moumeaban entre as pólas das árbores.
Na mañá. Logo dunha noite de soños turbios e inquietantes, erguícheste coa idea de visitar a aldea. Xa naquel escenario da infancia, os escuros tellados dalgúns cortellos fírenche a memoria. A súa presenza fanche relembrar que medrastes entre animais e entre a herba dos prados, entre os sombríos castiñeiros e entre as mimosas e os outeiros dos Miñotos. Crecestes alegres e despreocupados entre os toxos, codesos e silveiras. Atravesabades os días conxugando verbos irregulares, practicando sintaxes imperfectas e adestrándovos en hermenéuticas imposibles. As vosas elementais vidas eran nalgunhas ocasións coma cadernos sen follas ou tebeos sen debuxos. Pero todo iso non importaba. Só unha cousa vos entristecía de veras: ver árbores sen follas e sen paxaros nin grandes aves rapaces.