Micro-buenismos
Barbanza
«Reivindicar eses pequenos comportamentos de empatía cara os outros ten un punto positivo: saber que son moi valiosos»
25 Sep 2024. Actualizado a las 05:00 h.
O outro día escoitei nun anuncio un destes palabros que se poñen de moda. Dicíano en castelán: «Microbuenismos». Referíanse, por exemplo, a avisar a alguén se lle quedaba a chaqueta esquecida nunha cafetaría ou a preguntar se curaches da gripe. Sorprendeume que iso se considerara tan excepcional como para facelo explícito.
E non porque eu non practique «micro-buenismos», senón porque non concibo a vida sen eses comportamentos que fan a convivencia entre persoas máis agradable. Que iso se reivindique pode querer dicir dúas cousas: que as persoas que o promocionen estean a buscar o seu propio espazo no competitivo universo mediático que rodea aos millennials e á xeración-z, que pode ser perfectamente; ou que se estean a dar situacións que indiquen que, efectivamente, esa condición «por defecto» da vida social que é ser amable, axudar a descoñecidos e contribuír á existencia dun bo ambiente con xestos que custan pouco, estean sendo erosionadas.
Eu non son nada apocalíptico. Cando escoito discursos de que os mozos son así ou asá, penso que convivo todos os anos intensamente con cen estudantes de 22 anos e polo común son xente moi agradable que te avisa se esqueces o teléfono móbil (e non tería por que facelo) ou que xestiona situacións de conflito con compañeiros con habilidade, xenerosidade e moitas veces paciencia.
Aínda así: reivindicar eses pequenos comportamentos de empatía cara os outros ten un punto positivo: saber que son moi valiosos aínda que moitas veces nos saian sen pensar.