La Voz de Galicia

Viaxe con Agrafoxo á Colombia máis (ou menos) descoñecida

Barbanza

X. NOAL ribeira / la voz

Xerardo Agrafoxo presenta o seu libro Un café en Bogotá dúas tumbas en Medellín, sobre a súa viaxe a Colombia no acto mensual de Barbantia

O escritor noiés buscou un manuscrito de Antón Avilés, adentrouse en Macondo e nas voluminosidades de Botero

30 Sep 2024. Actualizado a las 11:42 h.

O noiés Xerardo Agrafoxo viaxou no ano 2013 a Cuba e percorreu a illa caribeña fuxindo dos circuítos habituais, mesturándose coas xentes e as costumes, empregando o transporte público ou os medios aos que tiña acceso, e daquela aventura sacou o libro Viaxe á última revolución.

 

O historiador e escrito descubriu unha forma distinta de facer literatura, de transmitir aos lectores sensacións semellantes ás súas a través da escrita que fan que, a medida que se introducen na obra, se convertan en viaxeiros, aínda que sexa por medio de experiencias alleas.

Despois daquela aventura, chegarían tres máis, con guións parecidos, pero escenarios distintos, aínda que con moitas semellanzas: O país sen fronteiras. Trinta días a través do Senegal, que veu a luz no 2018; Nas terras vermellas do Brasil, en 2022; e este ano, Un café en Bogotá. Dúas tumbas en Medellín, froito dun novo periplo, de 45 días, por Colombia, que non deixou de aproveitar para coñecer os lugares nos que traballou, inspirouse e creou Antón Avilés de Taramancos no seu exilio; buscar o Macondo de Gabriel García Márquez e marabillarse coas esculturas das gordas de Botero en Medellín, ata o punto de suavizalas co termo voluminosas.

 

 

 

E precisamente, a última aventura de Xerardo Agrafoxo foi a protagonista do acto mensual da Asociación Cultural Barbantia que se celebrou en Boiro, no que o autor, axudado por diapositivas, foi contando curiosidades da súa viaxe e conclusións da mesma, desmentindo tópicos ao asegurar que a xente foi amabilísima con el, que en algunha poboación, ao saber que era galego, o recibiron con tanto xúbilo que incluso foron buscar ao alcalde; que si que é un país perigoso a causa das mafias da droga, pero que el nunca se viu en risco o só tivo medo nunha ocasión que tivo que coller unha mototaxi de madrugada na que viaxou sen casco.

Agrafoxo situou aos asistentes á presentación tanto no contexto político como social de Colombia e evidenciou motivacións que o levaron a elixir o país como cuarto obxectivo das súas viaxes: a influencia de Antón Avilés de Taramancos, do que dixo que andou na busca dunha suposta obra manuscrita que non quixo desvelar si a atopou ou non, o que se sabe ao ler o libro; a atracción dos escenarios das obras de Gabriel García Márquez e incluso da familia do célebre escritor, e ata a influencia de Botero e as súas peculiares esculturas.

María Xesús Blanco, presidenta de Barbantia, moderou o acto e preguntou ao escritor cal vai o seu próximo viaxe, e adiantou que será dende Bolivia ao Perú.

Pechou a concelleira de Educación de Boiro, Carmen Silva, que se amosou encantada de ter compartido encontro tanto co escritor, como con Barbantia e os seus compañeiros docentes.


Comentar