La Voz de Galicia

Tabardilla

Barbanza

Carlos H. Fernández Coto
Imaxe de arquivo de robalizas nun mercado.

22 Oct 2024. Actualizado a las 12:07 h.

recua de influencias exteriores na nosa lingua non deixa de medrar. Agora resulta que á mazá que sempre lle chamabamos tabardilla chámana reineta no supermercado. Non deixa de ser unha perda de identidade. Recordo de pequeno ir pescar robalizas na ría de Arousa, pero ese nome non gustaba aos turistas porque queda máis fino chamarlle lubina, un nome que non ten cabida no noso dicionario. Vas á peixaría do centro comercial e cando ves escrito gallo non falan dunha ave de dúas patas, senón dun peixe, ao que sempre lle chamamos rapante. Hai incluso liñas de súper nas que ás xudías de toda a vida lle chaman alubias, cando esa é a acepción coa que en Castela lle chaman ás fabas.

A riqueza lingüística de Galicia permítenos chamarlle parrocha e xouba ao mesmo peixe, dependendo se é en Rianxo ou na Coruña. Ou chamarlle ervellas aos chícharos, unha riqueza da nosa lingua segundo o territorio. Mesmo aos palleiros lles chaman medas noutro lugar de Galicia, pero no resto do Estado parece que tamén mesturamos e manexamos distintos conceptos para chamarlle ao mesmo: pochas, rabas, etc. O duro é saír do noso país e pedir callos, pensando que eles tamén lles botan garavanzos, e aquilo non hai quen o coma.

Máis doe ver nos menús das casas de comida galegas os termos como caldo galego, que se o tomas fóra do país ten sentido, aínda que non teña sabor. Pero aquí non é preciso pór o adxectivo, enténdese que non vai ser caldo madrileño. Para escribir un libro, tanto de consulta como manual para sobrevivir nas mesas gastronómicas e nos ultramarinos do século XXI.


Comentar