«Non me CALArás»
Barbanza
Neste lenzo ao óleo hai elegancia e sosego. Pero hai moito máis.
26 Oct 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Pintura con calas ou lirios de auga, Arte Guiglo, asinada por Gloria López, presente no Encontro de Creadoras e Creadores BarbantiaRte IX, no Museo do Gravado de Artes, aliñada con toques de delicadeza, onde os detalles sutís e as cores suaves e naturais transmiten un halo sutil de beleza e fraxilidade.
Unha frutífera traxectoria contempla xa esta harmónica parella de artistas que, achegados, seguen a trazar camiño, en compañía e amor, para ben da arte e dos amantes da súa refinada estética.
Retrato figurativo dun ramo de Zantedeschia aethiopica, planta perenne herbácea de orixe surafricana, con espatas a rodearen e protexeren de xeito parcial a inflorescencia formada por unha espiga de eixe carnoso, sostén e fogar das femininas e masculinas flores, enriba e debaixo. Pura botánica transmutada en arte. Arte como alegoría dun mundo significativo vital e polivalente.
Neste lenzo ao óleo hai elegancia e sosego. Pero hai moito máis. Gloria, dende o inicio, xoga coa ambivalencia do título, que empeza por abolir a aserción cun expresivo «Non» en primeira persoa, e con ese verbo «calar» en segunda, composto de «calas» e imperativo futuro.
Unha frase que vai do eu ao ti persoal e social, que ordena e conmina, e reclama a liberdade de pensar e dicir e facer e amar, dende un apoderamento feminino tan actual e necesario neste intre da historia dun feroz patriarcado, que sentimos como «a manifestación e institucionalización do dominio masculino sobre as mulleres e nen@s da familia, e a ampliación dese dominio sobre as mulleres na sociedade en xeral» (Gerda Lerner, 1986). E todo iso coa rotundidade e delicadeza que a arte outorga: «puño de ferro en luva de seda», que diría o outro.
Un florilexio de calas, símbolo de elegancia e pureza, de formas espidas e contornas simples e suxestivas. Flor de primavera e, polo tanto, cargada de connotacións sensuais —e mesmo eróticas—, de renovación e fertilidade, na fulgurante estela trazada pola artista Georgia O’Keeffe, ou ben polo muralista mexicano Diego Rivera.
Hai nesta pintura textura e misterio, que nos suxiren volume e profundidade tridimensional, e que Gloria logra xogando cun sabio contraste de luz e de sombra, con esa xustaposición de cores complementarias nadas no impresionismo, e que lle confiren tactilidade e tanxibilidade ao cadro.
Unha exploración da sexualidade da muller? Afirmación da identidade feminina? Gloria López amplifica nesta representación toda a suxestión que emana da fluidez cultural e artística desta flor e da versatilidade do seu motivo, espallado e diverso. E, sobre todo, está o achegamento á esencia formal, con curvas orgánicas e detalles íntimos —corola, xineceo— que evocan velaíñas sensacións de fondo e arraigado simbolismo.
Corpo feminino, sensualidade e natureza unidas nunha danza visual e metafórica de autoafirmación persoal. Vero e ben trovato!
«Non me CALArás», óleo sobre lenzo (2024)