La Voz de Galicia

Vilas bonitas

Barbanza

Carlos H. Fernández Coto
Casco histórico de Noia

Estar nunha lista de vilas bonitas é garantía de tráfico de turistas dos que foxen do sol e praia para ver monumentos

05 Nov 2024. Actualizado a las 10:28 h.

A diario, cando abrimos o Google no móbil vemos titulares rechamantes como «As fervenzas máis altas», «Os castelos máis importantes», «As vilas máis bonitas», etcétera. Porque o motor de busca está baseado nos algoritmos que introducen os rabaños turísticos ávidos de novas experiencias, distintas das convencionais.

Tamén hai unha asociación chamada Los Pueblos más Bonitos de España que outorga distintivos a vilas que, ademais de coidadas, colaboran economicamente coa entidade, seguindo o modelo xa coñecido das bandeiras azuis, co fin de atraer o turismo. Deus nos libre que un xornal ou revista meta a unha das nosas vilas dentro desas clasificacións, porque a identidade local perderase pouco a pouco. Estar nunha lista de vilas bonitas é garantía de tráfico de turistas dos que foxen do sol e praia para ver monumentos. A hostalería é a máis beneficiada, así como o comercio global, que instalará algunha das súas franquías nel.

Menos mal que o que xa se coñece como feísmo impera sobre o bonitísimo nas nosas vilas, e só un puñado delas poden caer na tentación. Muros, Noia e Corcubión son candidatas a transformarse en parques temáticos para os turistas, por non ter grandes atrocidades dentro delas, por ter evolucionado con sentidiño e sen grandes aberracións. O resto das vilas da costa están salvadas, pero miren vostedes casos como o de Combarro, que pasou de ser conxunto histórico-artístico a meta dos excursionistas que compran meigas como recordo, e onde os hórreos é o que menos importa. Precisamos sentidiño para evitar o feísmo, tamén para evitar a fosilización.


Comentar