Chegar aos adolescentes, a materia literaria pendente
Barbanza
É a franxa de idade que menos volumes merca, segundo os libreiros barbanceses
08 Nov 2024. Actualizado a las 15:34 h.
Os libreiros de Barbanza coinciden en sinalar cara os adolescentes coma o colectivo que menos literatura consume. Tamén responden a unha pregunta vinculada co impacto das novas tecnoloxías e recomendan un libro.
a. Cal é o perfil dos grandes lectores de Barbanza?
b. Que armas utiliza para loitar coas novas tecnoloxías?
c. Que libro recomendaría?
1. rosa tubío
Nobel (Boiro)
a. Non hai un perfil concreto dos grandes lectores, quen menos espera é o que entra e merca. Si é certo que os clientes habituais son persoas de 40 a 60 anos.
b. Os comerciantes temos que botar man do trato directo. Tampouco entendo os motivos que levan á xente a mercar libros por internet, porque a diferenza de prezos é pequena, pois non hai marxe.
c. Recomendo La cartera, de Francesca Giannone, un libro de historia e emancipación feminina.
2. Inmaculada blanco
Blanco (Noia)
a. Os principais lectores de Barbanza son nenos de ata 12 anos e despois, xente adulta. Falta chegar á franxa xuvenil, que penso que son máis da era dixital.
b. Non se pode competir coas novas tecnoloxías, pero eu inténtoo botando man de armas coma o trato persoal e subir contidos a Instagram.
c. Gustáronme moito todos os libros da saga Reina Roja, de Gómez-Jurado.
3. jessica martínez
Chorima (Carnota)
a. Temos clientes de todas as idades, quizais os adolescentes son os que menos len.
b. Internet non é o problema, aquelas persoas que len, fano en todos os formatos e seguen vindo ás librarías.
c. Gustoume moito De centeo e durmideiras, de Rosalía Fernández Rial.
4. luz del mar estévez
Kiosko Luz (A Pobra)
a. Teño clientes de todas as idades, desde 20 ata 70 anos.
b. Aínda que hai xente que prefire a tableta ou o móbil por comodidade, penso que as novas tecnoloxías non son unha ameaza seria.
c. É unha boa ocasión para ler ¿A qué estás esperando?, de Megan Maxwell, pois ven de estrearse a serie en televisión.
5. maría josé lestón
Pimpiniño (Outes)
a. Os xubilados son os que máis len e os adolescentes, os que menos. En nenos nótase baixada de vendas, incluso nos libros dirixidos aos bebés.
b. As nosas armas son a proximidade e o bo trato. Temos que recomendar e, se é necesario, facer o traballo de busca dos libros que lle podan interesar aos nosos clientes.
c. Recomendo Esconxuros para un rei, de María del Carmen Rey Núñez.