Manuel Teira, poeta na súa terra co seu novo libro «Cadernos da desmemoria»
Barbanza
Manuel Teira presentou novo libro na Pobra
Numerosas persoas asistiron ao acto celebrado no teatro Elma
09 Nov 2024. Actualizado a las 18:45 h.
Como explicou Isabel Santos, vicepresidenta da Asociación Cultural Barbantia, Manuel Teira é coñecido no Campiño e na súa contorna como «o poeta», cando no campo da creación cultural ten máis fama como escultor, porén, el sempre andou arredor da poesía, aínda que tardase máis de vinte anos en publicar o seu segundo libro do xénero, Cadernos da desmemoria, cuxo acto de presentación, no Teatro Cine Elma, foi unha demostración de que Manuel é máis que poeta no seu barrio, xa que rexistrou un cheo inusitado.
Na obra tivo moito que ver Manuel Cartea, segundo desvelou o autor, pero tamén na presentación, pois si a súa man no volume estivo máis centrada na corrección, no acto achegou aos presentes á obra e ao autor: «Señardade, nostalxia, morriña, saudade... o que se perdeu, pero segue vivo. Por que digo isto? Porque este poemario de Manuel Teira está transitado polas palabras que acabo de dicir», e referiuse ao título do libro para sinalar que para el son «poemas da memoria», porque estes están inspirados na «memoria selectiva» e idealizada de Teira, nas súas lembranzas vitais. «Este libro está transido de rememoracións e lembranzas», engadiu, «de tempo interior, do que fala Teira. Lévanos á nenez, a paisaxes naturais, paisaxes tamén humanas, á xente, pero sobre todo hai algo especial, a casa, que se repite constantemente; a cidade, o amor e o desamor».
Moi arroupado
Manuel Teira, pola súa banda, tomou a palabra para, inicialmente, agradecer a cada unha das persoas que o axudaron a facer realidade a obra e a presentación, destacando o seu pracer persoal por sentirse tan arroupado na presentación da súa nova obra. Parafraseou a Luís Pimentel ao dicir que a poesía é «o grande milagre do mundo» e desvelou que el leva escribindo moitísimos anos poesía, pero que había 24 anos que non publicaba obra «cústame ir ás editoriais, cústame facer ese tránsito de buscar a quen me axude a corrixir. Escribir ten unha parte negativa que si non publicas, cada vez que entras na casa encóntraste coa poesía esperando; cada vez que andas pola rúa, o poema vai contigo, entón créase unha simbiose que fai que, ao final, esteas sempre escribindo o poema ou o texto na cabeza, polo que é importante atopar a unha editorial para que cho publique, pois si non acabas un pouco descerebrado». Teira asegurou que seguirá traballando, escribindo, porque é unha forma de crear «aquilo que non está».
Deu paso á lectura de dous poemas, un deles, dedicado a Antonio Machado, en homenaxe ao poeta, do que introduciu versos do sevillano que foron achados no seu peto; e outro dedicado á súa nenez, á súa familia, ás vivencias na casa das Trabes á espera de súa nai, que nunca chegaba, expresou con emoción.
O alcalde de A Pobra, Xosé Carlos Vidal, lembrou cando descubriu a poesía, matizando que xa lera poesía, pero que a descubriu de verdade sendo estudante estando nunha biblioteca e colleu un libro nun andel que era de Kavafis, abriuno e alí estaba o poema Ítaca, que leu repetidas veces ao longo de toda a súa vida e sempre lle di algo novo.
A continuación falou das súas impresións co libro de Manuel Teira, do que dixo que é fácil facer as súas poesías nosas «é algo que realmente sinto dentro de min, é como facer o libro meu. Encontrei poesías que eu entendo que eran auténticos segredos, e o autor se está descubrindo e dicindo aquí me tedes».
A cita cultural tivo parte musical, a cargo Ainhoa Rodríguez, Daniel Castro, Daniel Briones e Juan Grela.