As verdades que enfadan ás comadres
Barbanza
O Cansiño reaccionaba cantando e bailando dun lado para o outro do corredor da casiña
08 Dec 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Monchiña de Vilacova e Xaquín do Soutoqueimado, cando casaron, puxéronse a vivir no lugar de Fontefría, a carón da canle do río que descendía paralela á baixada de Cabrais, nunha casiña de pedra que lle construíra para a súa dona o seu pai, un canteiro da aldea de Ces que gozaba dunha notable sona na contorna dos vales do Tambre, do Trabe e de Tállara. Monchiña traballaba nas leiras e na casa, mentres que Xaquín andaba co seu sogro na construción de casas e de alpendres. Nalgunhas fins de semana, sobre todo na tempada de inverno, facía unhas horas extra cun aramador de viñas que se chamaba Xandermo, un veciño de Bealo que maridou cunha mulleriña de Trebonzos, tan traballadora coma calada.
Lenta e anodinamente pasaban os días e as noites naquel afastado lugar, solitario e sombrío, á beira do regato que sempre serpeaba alegre, cantando entre os prados a mesma melodía. Así pois, o mozo matrimonio aplicábase no seu humilde catre e co devir dos anos topáronse con tres fillos: dúas rapazas e un rapaciño. Gardaban os tres unha grande admiración polo seu paisiño. Rían moito coas súas monadas e mexericadas. O que máis lles gustaba eran as ocorrencias das fins de semana nas que el non ía traballar, e especialmente durante os domingos pola mañá.
Nas tardes noites dos sábados, o Cansiño coma despectivamente se autobautizara, acostumaba deixarse caer pola taberna de Tállara para conversar cos veciños, tomar uns chiquitos e xogar aos naipes cos seus «amigotes» como os denominaba Monchiña cando lle reprochaba que a deixaba soa todo o día coidando dos raparigos. Cando regresaba algo achispado polas noites, a súa dona berráballe e poñíao de castrón para arriba: chamáballe de todo, agás ghuapo, o que talvez si o era o cal aínda a toleaba moito máis. Entón o Cansiño reaccionaba cantando e bailando dun lado para o outro do corredor da casiña: «Chímpalaaaa, chímpaaala, chímpalaaaa…Enfádanse as comadres porque lles cantan as verdades…».
Dentro das camas e debaixo dos cobertores, os rapaces mexaban de risa. Pero máis divertidas resultaban as mañás dos domingos cando Monchiña marchaba para escoitar a misa na igrexa de Tállara. Entón, Cansiño andaba en calzóns pola vivenda. Axexaba pola porta e vía os pequenos durmindo. E despois cantaba: «Señoras e señores, pasen e vexan, as mantas non son cobertores…». E logo puña a radio e soltaba un sonoro peido. E tras de escoitar as risas dos seus rillotes, Xaquín encadeaba unha restra de bufas consecutivas e os seus fillos esmendrellábanse de risa. A festa acababa cando Monchiña entraba pola porta e soltaba: «Non fixeches nada palanquín. Nin sequera mudaches os cativos… Puñeteiro porcallán…».
Non saía da casa o Xaquín nas tardes dos domingos. Aínda que tivera a resaca máis monstrosa do mundo, pola mañá cedo dos luns erguíase, collía a friameira coa comida que lle preparara Monchiña, montaba na bicicleta e arrincaba para o traballo, para o taller do sogro.
Co paso dos anos, Monchiña e Xaquín fixéronse maiores. Os fillos casaron e ficaron sós naquela casiña de pedra no fondal dos milleirais do val de Tállara. Pasaban moitas tardes de verán sentados na solaina da súa pequena pero abrigosa vivenda. Pasaban moitas horas mirando cara á canle do pobre regato. Os dous vellos solitarios, aos que ás veces visitaba algún neto, recordaban que o canto dun merlo só é a voz da idea de paso por este mundo, só consiste no esforzo de darlle forma a unha historia ou ben o de darlle o nome a unha flor, como ao das margaridas que naquel mesmo intre florecían entre a herba da súa horta.