A lentitude e a paciencia do gando
Barbanza
15 Dec 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Rutilantes charamuscas nas praderías da noite. Rinchan as eguas nos pastizais da memoria. Soñas coas bestas que pacentemente pacen nas lombas de Outeiro, A Seara e Sabuceda. Miras á vez para os outros animais: rabaños de ovellas e cabritiñas vixiados por adestrados cans mastíns, un pouco pachorrentos e roñóns. Ladran o medo, o deles e o noso, cando pasamos polo lado deles. A tarde gris humedece o pano dos recordos. «Aquí, andan cans, pacen rabaños. Mais onde están os pastores?», preguntas coa boca pechada. Dormen a sesta sobre a palla do centeo, ao carón da parede onde os arados de madeira rememoran os campos esquecidos.
Brancas. Nerviosas. As bestas están resgardadas dentro dun cercado feito de estacas e varas. Dun pendello saen dous gatiños. Miañan a súa soidade. Polos arredores, xira e xira sen parar un fornido cabalo negro. Este fillo da negrura da noite e da intemperie baixou dun picouto pedregoso da outra cara da montaña. Anda furioso. Chía e relincha a súa xenreira cara ao ceo. Súa e bríllalle a pel de caoba baixo a luz oblicua da tarde outonal. E mentres camiñas, pensas na forza e potencia salvaxe do animal. Dis para ti: «Namentres exista natureza (non somos nós natureza tamén?) sempre está aí a posibilidade da violencia, un asasinato ou unha violación, por exemplo. Acaso isto non é certo?».
No silencio crepuscular irrompe, de súpeto, coma un lategazo, o animal desbocado. Levanta as patas de diante, berra, e despois galopa. Brinca con determinación por enriba da estacada. E de inmediato monta a besta mansa e branquísima. Ao amencer esta xace entre a palla. A furia nocturna esperta o cabalo. Este arranca cunha enorme potencia e pasa por encima do encerrado. Despídese da egua cunha mirada furtiva e foxe cara ao oeste, ao outro lado da montaña. O seu acubillo fica entre unhas rochas rodeadas de árbores. Relembra o seus momentos de amor coa besta e sente nostalxia. Emite uns tristes bufidos.
Cando xa eramos adolescentes coñecemos xentes das aldeas dos vales de Comoxo, Moimenta, Enseño, Carboiro e Cadarnoxo que coñecían e entendían o dialecto dos corvos. E había outros máis que dominaban a linguaxe e a gramática das árbores do país. Aqueles mozos e mozas aprenderan a conducir as vacadas até os pastos de por enriba de Sandrenzo e máis aló, polas ladeiras do Iroite. Sabían das rotas porque aprenderan a serlles fieis a unha intuición que xa obedecían sen retruque os seus avós e que nomeaban coma «Os cromosomos das mimosas». Claro que para levar o gando por entre piñeirais e soutos espesos contaban sempre coa axuda dos astutos cans de palleiro, que lles axudaban a coidar e apacentar os animais.
Púñanse en marcha cando rompía a luz do abrente e cantaban os galos nas devesas. Saían as vacas das cortes aínda ás escuras e as ovellas, se as había, berreaban, protestaban. E regresaban cando xa a penumbra comezaba a facer a cama nos camiños. As vacas avanzaban coa calma das horas. Cando atravesaban polo medio das casas da Cuncheira, o murmullo das follas enchía toda a travesía. Algúns días lían no aire fresco do amencer a prosa do seu propio medo. O mesmo ocorría ao iniciar a volta para a aldea, cando xa o día se arrolaba entre os pregos das horas.
A lentitude dos animais. As súas pacentes pisadas entre Cabanela, xunto o antigo aserradoiro da entrada de Cures, e o lugar de Mieites. Mais cando lles arrecendía o aroma da auga quente cos carolos, as tonas de patacas e o farelo, avivaban o ritmo e facían resoar as chocas, que levaban colgadas dos pescozos, no aire da noite. E eles tamén. Na lareira ían preparar unhas cuncas de sopas de cabalo cansado, as que tomarían sentados na vella lacena. E recordarían os lúgubres crepúsculos de setembro, cando os acompañaban nubes negras cabalgando cara ao oeste.