O rianxeiro Óscar Reboiras faise co Premio de Literatura Carlos Mosteiro
Barbanza
Adxudicouse a sétima edición do certame coa obra «Cando o mundo é azul»
20 Dec 2024. Actualizado a las 14:29 h.
Cando o mundo é azul, unha obra asinada polo rianxeiro Óscar Reboiras Loureiro, resultou gañadora da sétima edición do Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, certame ao que concorreron unha trintena de textos. O fallo deuse a coñecer este venres na Pobra, Integraron o xurado Marcos Calveiro, director de edicións de Galaxia; Pilar Sampedro, vogal da asociación Barbantia; e José Luis Baños, gañador da sexta edición.
En representación do xurado, Calveiro manifestou que o ditame se tomou por unanimidade e destacou a «escrita con sinxeleza e sensibilidade» que aborda os temas da diversidade, o amor, a interxeracionalidade e a redención nunha obra apta para un abano moi amplo do público infantil, que interpela directamente a intelixencia do lectorado. A historia estrutúrase arredor das relacións familiares, en que unha nai e o seu fillo recuperan a figura dun avó ausente.
Reboiras ten outras publicacións anteriores, como a obra colectiva Liñas compartidas (2019), o ensaio O cronista imposible: a obra periodística de Wenceslao Fernández Flórez (2019) e a novela A agonía das folerpas (2022). Tamén conta con galardóns en distintos certames.
O premio dedicado a Carlos Mosteiro conta cunha dotación económica de 3.000 euros, a publicación na colección Árbore da editorial Galaxia e o repartimento de exemplares entre a rapazada da localidade, tal e como explica a concelleira de Cultura, Patricia Lojo. «Este certame continúa enriquecendo o catálogo de libros en galego para as xeracións máis novas e que así se vaia instaurando o hábito lector na súa rutina diaria», engadiu.
O nome de Óscar Reboiras queda ligado ao de Carlos Mosteiro e ao dos gañadores das edicións previas: Patricia Mallo, Xosé Antonio Neira Cruz, María Canosa e José Luis Baños.