Compromiso contra o cáncer
Barbanza

19 Mar 2025. Actualizado a las 05:00 h.
Se José Biosca, empresario catalán, non falara nunha viaxe a Madrid cunha nai acompañada do seu fillo para procurarlle consulta médica, non escoitaría a verba cáncer, nin coñecería os efectos de tal doenza. Corría o ano 1951. No 1953 funda a Asociación Española contra o Cáncer, AECC, que asumía o reto, nun momento onde a sanidade pública española estaba inda con cueiro, de facerse cargo do tratamento daquelas persoas con moi poucos recursos. No período 1959-1960 mercaron 12 unidades de cobalto para atender ós enfermos e no 1971 crearía a Fundación Científica da AECC para propulsar a investigación sobre unha enfermidade que se converteu no problema socio sanitario máis importante de España e do mundo.
Segundo o Rexistro Galego de Tumores, Regat, tomando como referencia os datos do 2022, Barbanza era a primeira comarca con máis tumores novos detectados. Colleu o relevo para superar este negativa clasificación Porto do Son, Noia e Muros. Por iso, o anuncio de crear un novo hospital de día oncolóxico no hospital comarcal, cun orzamento de 1,4 millóns de euros, tal e como se informaba o pasado mes de xaneiro, evitando incómodos desprazamentos a Santiago, é unha boa nova.
A celebración, o próximo 12 de abril, da cea organizada pola asociación ribeirense, presidida por María José Carreira, apoiada dun equipo entusiasta, visualizará a solidariedade da sociedade barbancesa con todos os doentes dunha lacra que acada un diagnóstico novo cada dous minutos, calculando que no 2030 chegarán a 330.000. O noso compromiso non debe ter fisuras contra este mal.