La Voz de Galicia

Boiro premiará a un autor galego de novela negra

Boiro

M. X. B. ribeira

Serán os estudantes que forman parte do club de lectura do IES Praia Barraña os que exerzan de xurado

12 Mar 2020. Actualizado a las 21:22 h.

Un novo premio vén de sumarse á relación de certames literarios que se desenvolven de xeito periódico en Barbanza co fin de poñer en valor o mundo das letras. Trátase do Barraña Negra, unha iniciativa que persegue recoñecer a un autor galego dunha novela negra. Serán os estudantes que forman parte do club de lectura do IES Praia Barraña os que exerzan de xurado xunto con algúns mestres, elixindo ao escritor que resultará galardoado nesta primeira edición do certame.

A presentación deste premio tivo lugar esta mañá, nun acto no que estiveron presentes a concelleira de Cultura de Boiro, María Outeiral; o director do instituto, Juan Carlos Couto; o mestre de debuxo deste centro, Fran Blanco; o presidente de Barbantia, Manuel Cartea; e o xerente da Pousada da Galiza Imaxinaria, Suso Santamaría. Todos eles sumaron forzas para que este certame sexa unha realidade.

As pezas fundamentais do quebracabezas serán os alumnos do Praia Barraña, pois non só elixirán ao escritor premiado, senón que tamén traballarán sobre el e a súa obra nas aulas, a través de actividades vinculadas coa arte, a música, a literatura, o teatro ou o cine. Os alumnos, neste caso os da rama de Artes, tamén deseñarán o galardón que recibirá o autor, consistente nunha escultura.

O fallo, en breve

Tal e como se anunciou no acto de presentación, o fallo do xurado coñecerase ao longo deste mes de marzo. A idea é que a entrega do galardón teña lugar o 17 abril, no marco dun xantar de confraternidade ao que acudiría o escritor. Tamén está prevista a realización dun acto público na Pousada, que incluiría un concerto a cargo de Sonoro Maxín.

Os promotores desta iniciativa explicaron que o obxectivo é fomentar a lectura entre o alumnado do centro, onde se está realizando unha campaña de lectura de novelas negras, e tamén achegar os autores galegos deste estilo aos mozos de Boiro e ao público en xeral.


Comentar