La Voz de Galicia

Verbenas

Boiro

Christopher Rodríguez

Un grupo de veciños, unhas cantas tiras de churrasco e unha comisión disposta a darlle aos seus unha xornada que sirva de receso nas rutinas foron suficientes

01 Aug 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Verán escríbese con «v» de verbena. Hainas en cada esquina, en cada parroquia, en cada municipio. Todas as noites, sen excepción. Non hai verbena cativa, disque, e razón non lles falta aos que o aseguran. Con tan só un micrófono e un altofalante é suficiente para amenizar unha noite estival e deixar as preocupacións a un lado ata o día seguinte.

Púidose comprobar nas festas do Boiro de Arriba, máis coñecido como O Boiro entre os nativos. Un grupo de veciños, unhas cantas tiras de churrasco e unha comisión disposta a darlle aos seus unha xornada que sirva de receso nas rutinas foron suficientes. Esa é a verdadeira esencia do verán. Area nos pés despois dunha xornada de praia, amigos cos que sorrir e cos que brindar e un dueto musical que deixe atrás o reguetón para poñer a bailar ás parellas ao ritmo das mellores baladas españolas de agora e de sempre.

Nun mundo no que a veces parece que nin dá tempo a tomar un respiro de aire, agradécese que aínda queden rasquizos de lembranzas de épocas máis tranquilas. Nas que a xente se coñecía mirándose aos ollos, nas que os teléfonos móbiles eran algo futurista en lugar dun órgano vital ou nas que se educaba aos rapaces en lugar de poñelos diante dunha pantalla para que perdan a súa natureza ruidosa.

As verbenas de toda a vida son un rastro de todo aquilo. Nin sesións soporíferas de picadiscos nin orquestras masificadas que se converteron nun fenómeno máis das redes sociais. Para atopar o valor das cousas a veces hai que botar unha ollada ao pasado e soltar o acelerador dunha vida que a moitos atropela.


Comentar