Morte no cruceiro de Pazos
Boiro
En 1923, un home tolo de amor matou unha rapaza que non lle correspondía e quitouse a vida fronte á cruz
28 Sep 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Dende o punto de vista da arquitectura relixiosa, a parroquia de Cespón (Boiro) é coñecida pola súa fermosa igrexa románica adornada con canzorros na ábsida, unha representación das ánimas do purgatorio no lateral esquerdo e posuidora dun fermoso baldaquino gótico. Incluso ten un milagre rexistrado (esa historia quedará para outro día). Non podemos esquecer tampouco o marabilloso calvario de san Roque, erguido e robusto a vixiar os bailes no campo da festa dende finais do século XVI. Claro que se nos poñemos a falar de cruceiros e cruces de pedra, imos atopar máis xoias por esta parroquia. Aparécennos en moitas das súas encrucilladas, pasos de vivos e mortos dende hai séculos, moitos cunha historia que contar non só relacionada co culto cristián e case sempre por algunha desgraza.
Neste percorrido polos cruceiros de Cespón, toca hoxe visitar o lugar de Pazos, onde unha cruz sinxela de metal acompaña o cruceiro erguido alí en 1915. Trátase dun cruceiro do máis tradicional, con Cristo na cruz por un lado e a virxe María polo outro sobre unha base de dous chanzos. Mandárao facer a devota Ramona Ryvas Muñiz e os seus fillos. Pero a outra cruz nada ten que ver coas intencións de dona Ramona, pois é testemuño dun suicidio acontecido cabo del no ano 1923.
El tiña 28 anos e estaba tolo de amor. E digo tolo e non namorado porque non aceptaba a negativa que a rapaza lle daba cada día. Era tal a obsesión que o mozo tiña, que chegou ela a dicirlle que xa fora doutro home para que a deixase de cortexar e perseguir. Pensemos o que iso significaba para a época. Pero a el non lle importaba, tiña que ser súa ou de ninguén máis. Un día, canso de tanto rexeite e decidido a impedir que outro estivese a carón da súa amada, colleu unha pistola e, sen dubidar, dirixiuse á leira na que ela traballaba coma decotío. Dun tiro, atravesoulle o peito e deixouna alí por morta.
¿Remorsos ou medo?
Ante o feito, os remorsos medraron na súa conciencia, como pasa en tantas ocasións nas que a violencia de xénero enche titulares a día de hoxe. Ou se cadra foi o medo ao castigo. Fose cal fose a razón, chegou ata o cruceiro de Pazos e, non sabemos se por pedir perdón a Deus polo que acababa de facer, usou aquela mesma pistola coa que arrebatara a vida do seu amor para el mesmo e morreu aos pés da ollada do Cristo crucificado. Alí lle puxeron esa cruz para espiar os seus pecados e lembrar a traxedia da violencia de quen non sabe querer.
A día de hoxe xa ninguén lembra esta historia de primeira man. Nin tan sequera toda a xente de Cespón sabe por que está alí esta cruz e o que representa. Teño que dicir que a miña fonte foi totalmente fidedigna. Alá polo 2009, recollendo datos sobre cruceiros do concello de Boiro, unha muller de 87 anos, sentada á porta da casa, preguntoume se sabía por que había alí dúas cruces. Ela coñecía ben a súa historia porque aquela rapaza que quedara na leira co peito atravesado polos celos violentos do seu agresor non era outra que súa nai. Si, non morrera. Malferida e dada por morta, sobreviviu e puido ter unha vida e unha familia froito dun amor de verdade.
A cruz de ferro lembra a traxedia que se viviu en Cespón