San Finx, unha mina con historia
Lousame
Lousame agocha unha escavación que deixou cartos e cicatrices no concello
09 Nov 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Situado na comarca de Noia, Lousame é un concello que conta cun amplo patrimonio histórico, arquitectónico, arqueolóxico e industrial. Aínda que hoxe en día, segundo os datos máis recentes do Instituto Galego de Estatística, a actividade económica máis destacada ten que ver co sector primario, sobre todo a gandaría e a agricultura, isto non foi sempre así. Houbo un tempo no que a actividade industrial supoñía unha das principais fontes de ingreso da poboación, atraendo incluso obreiros doutras partes da comarca e alén. As pegadas dese pasado pódense observar aínda hoxe nas diferentes parroquias: as ruínas das fábricas de papel que tiraban proveito da forza motriz da auga dos ríos, restos de muíños fariñeiros e por suposto a industria mineira.
Aínda que hai investigadores que afirman que xa se extraía mineral na antigüidade, foi a finais do século XIX e durante a maior parte do XX cando a minaría se converteu na principal actividade económica en Lousame. A poboación chegou a máximos históricos a mediados do século pasado, cando chegaron a haber máis de 6.000 habitantes censados. Antes do volframio tivo lugar a extracción de estaño, pero sería o achado deste mineral nos montes de San Fins o que supuxo unha gran transformación para a bisbarra. A extracción do volframio comezou cando o enxeñeiro británico Henry Winter Burbury solicitou a concesión de permisos para a explotación de tres minas en 1833. Foi a partir de entón cando os ingleses comezaron a usar o termo Finx no canto de Fins e é por esta razón que hoxe en día o complexo mineiro aínda é coñecido como San Finx.
A chegada dos ingleses na procura de volframio converteu a Lousame na primeira explotación deste mineral en toda España e contaba con tecnoloxía punteira para a súa época, como demostra a exposición que se pode visitar no museo que hoxe en día xestiona o Concello de Lousame e que está aberto ao público.
Nas primeiras décadas do século XX a mina xa funcionaba a pleno rendemento, dando traballo a máis de catrocentas persoas, o cal vai supor a creación dun poboado que foi dos primeiros en ofrecer aos traballadores e ás súas familias vantaxes que hoxe a nós nos parecen totalmente normais pero que daquela eran toda unha novidade: electricidade, asistencia sanitaria, escola… A vida en San Finx era unha especie de oasis pois as familias inglesas trouxeran consigo valores e comportamentos sociais moi avanzados para a época; un exemplo disto é o feito de que contase con pistas de tenis ou coidados xardíns tan propios da campiña inglesa.
A Segunda Guerra Mundial
Co inicio deste gran conflito bélico, o volframio converteuse nun mineral moi cotizado pola súas propiedades a nivel militar para a blindaxe con aceiros especiais e outras aplicacións militares. Como consecuencia disto, produciuse unha auténtica febre por obter este prezado material, tanto por parte da Alemaña nazi como polos aliados. Foi así como Galicia e Portugal xogaron un papel destacado neste período histórico xa que era aí onde alemáns, británicos e estadounidenses podían atopar volframio.
A mina de San Finx non foi unha excepción e durante eses anos nos que o volframio era moi demandado e os prezos moi altos, xente de concellos veciños e de máis aló chegaron a Lousame para tentar extraer o ouro negro e deste xeito combater as penurias da posguerra. Foi nestes tempos cando se fixo popular a expresión «andar á roubacha» e que fai referencia á actividade extractiva do mineral que moita xente realizaba nos montes de San Finx co obxectivo de gañar un xornal nese contexto de miseria e fame.
Coa fin da guerra comezou aos poucos a decadencia xa que a demanda de volframio descendeu moito, e no 1990 estaba claro que non había interese na mina e a explotación foi abandonada.
Ecoloxistas, pescadores e mariscadores contra a reapertura
A extracción do volframio en San Finx tivo un impacto moi significativo na economía de Lousame. Porén, esta actividade extractiva tamén tivo un impacto na saúde de moitos traballadores que sufriron doenzas como a silicose por mor do po en suspensión e que cos anos provocaban a morte. Hoxe en día, coa mina pechada, a maior preocupación é a ambiental e a posibilidade da súa reapertura provoca as protestas por parte de diferentes colectivos que, segundo afirman, produciría un gran impacto ambiental. Desde Ecoloxistas en Acción, unha organización para a defensa do medio ambiente, sosteñen que a reapertura «implicaría baleirar case mil millóns de litros por ano de auga do interior da mina, o que supoñería mais da metade do caudal do río Pesqueiras sexan os vertidos». Tamén explican que «polos procesos de formación de augas ácidas de mina, os residuos teñen elevados niveis de metais pesados como o cadmio, o cobre, o cinc e o mercurio».
Do mesmo xeito, pescadores e mariscadores mostran a súa preocupación polas consecuencias para a súa actividade económica que se pode ver afectada pola actividade mineira. Nos últimos anos producíronse unha serie de protestas e manifestacións en defensa da ría de Muros e Noia e contra a reapertura da mina de San Finx.
Máis alá destas consideracións, é evidente que a mina de San Finx forma parte da historia do concello e como tal a súa memoria debe ser conservada para que futuras xeracións poidan coñecer o pasado de Lousame.