Un dominico de Muros na Arxentina
Muros
30 Nov 2024. Actualizado a las 05:00 h.
A bisbarra do Barbanza conta cun número importante de escritores franciscanos debido á presenza nestas terras de conventos na Pobra do Caramiñal, Muros e Noia, pero conta tamén con autores pertencentes a outras ordes relixiosas. É o caso de Domingo Romero, nado en Muros en 1880, pero emigrado na Arxentina. En Tucumán ingresará na orde de San Domingos e en 1903 é ordenado sacerdote na cidade arxentina de Córdoba.
Doutor en Teoloxía, foi catedrático de Relixión en Tucumán, cidade na que publica en 1916 Los españoles en la celebración del Centenario de la Independencia argentina.
Dedicado á apoloxética cristiá, o resto das súas obras aparecerán editadas na capital arxentina, Bos Aires.
En 1920 edita El sacerdocio católico, mentres que en 1922 sae do prelo Flores de romero. Ofrenda a María, ano no que tamén publica Santiago Apóstol.
Xa en 1939 edita A los pies de la Verónica e, en 1940, aparece Flores de romero. Ofrenda a María. Segunda parte.
A derradeira das súas obras foi publicada en 1946 co título El Divino Redentor.
Fóra da capital arxentina, concretamente en Passo, editará unha obra de controversia relixiosa en 1934: El protestantismo.
Tivo un irmán, tamén dominico e establecido en Bos Aires, Frei Juan de Santa María Romero, que publicou varias obras entre 1939 e 1941.