La Voz de Galicia

Apaixonante viaxe por unha obra ricaz

Noia

XERARDO AGRAFOXO

31 Oct 2014. Actualizado a las 05:00 h.

Martín Veiga (Noia, 1970) é profesor na University College Cork. Como poeta publicou Tempo van de porcelana (1990), As últimas ruínas (1994), Ollos de ámbar (2005) e Fundaxes (2006). A obra da que falamos, Escribir na multitude (2014), ten orixe na súa tese sobre Avilés de Taramancos.

A obra divídese en seis partes: a primeira -Biografías e contextos- é un perfil do poeta noiés, salienta a súa adscrición xeracional e o seu ámbito xeográfico e social. Na segunda, Ciclos poéticos e trazos de estilo, enumera as etapas do seu estilo. Na terceira, Dimensión metapoética, destaca como na súa obra tivo un papel esencial a dicotomía luz/escuridade. Na cuarta, Ronsel intertextual, conta qué obras e estilos interiorizou Avilés. Na quinta, Relacións interdiscursivas, explica qué códigos culturais influíron na súa obra. E na sexta, Nocións de identidade, comenta como a obra poética de Avilés de Taramancos estivo relacionada coa identificación do lugar e o seu fundamento ideolóxico.

Tal como se di na contraportada, «esta obra é unha viaxe apaixonante polas cimas dunha obra ricaz, profunda e luminosa». O libro está dedicado a seu pai, Primo Veiga Sedofeito, un excelente profesor e unha persoa admirable.

«Escribir na multitude»

Martín Veiga. Editorial Toxosoutos, 2014. 404 páxinas


Comentar