La Voz de Galicia

Barbantia abriu curso cun encontro de autores premiados arredor de libros que quedan

Noia

M. ARES RIBEIRA / LA VOZ

Antón Riveiro apostou polo futuro do libro impreso, ante o pesimismo de Piñeiro e Portas

29 Sep 2019. Actualizado a las 05:00 h.

Non sempre se poden xuntar dous autores premiados nunha mesma presentación literaria. Iso só está ao alcance de quen gañou un prestixio no mundo da cultura que fai que os escritores desexen formar parte do seu programa, da súa actividade ordinaria. E esa plataforma é a Asociación Cultural Barbantia que, no primeiro encontro do novo curso, o venres sentou na casa de cultura de Noia a Antonio Piñeiro e a Manuel Portas, para presentar os seus libros A través do fume, premio Torrente Ballester no 2017, e Por puntos, premio Blanco Amor 2018.

Algo semellante sinalou outro recoñecido autor, Antón Riveiro Coello, que lembrou as dificultades nos primeiros tempos de Barbantia para poder facer unha presentación mensual, que contrasta co que ocorre na actualidade, ata o punto de ter que xuntar a dous creadores que, porén, teñen boa relación e coñecen ben as obras de cada un, como quedou de manifesto no encontro presentado por María Xesús Blanco, en representación de Barbantia.

Segundo explicou Riveiro Coello, aínda que A través do fume e Por puntos son dúas novelas diferentes, teñen en común que carecen dunha historia principal, pero contan cunha trama recoñecible. Mentres a obra de Porto ten a súa orixe nun feito cotiá, como a perda de puntos por infraccións de tráfico, a de Piñeiro baséase nunha historia sinxela e coñecida, como a emigración, ambientada con detalles que lles resultarán familiares aos nados entre os anos sesenta e oitenta, como os televisores de General Eléctrica Española ou o pegamento Imedio.

Libros que quedan

O fundador de Barbantia, que acumula premios literarios, recomendou ao público a lectura de ambos libros xa que, como explicou Riveiro Coello, todos os anos se publican unha morea de volumes, pero logo só quedan uns poucos, e A través do fume e Por puntos son dos que quedan.

Entre as curiosidades e confesións dos autores, os asistentes á presentación souberon que a trama que inspirou a Manuel Portas foi un tema tan de actualidade como a recuperación de puntos perdidos por infraccións de tráfico: «Todos temos amigos ou coñecidos que se encontraron nesa situación, e incluso moita xente o oculta. Busquei información, falei con profesores de academia de recuperación de puntos. Fun xuntando datos e testemuñas e logo fixen o traballo de tecer, coma Penélope», explicou o autor.

Antonio Piñeiro, pola súa banda, explicou sobre A través do fume que a emigración é un tema que está aí, que forma parte dos galegos, e a trama estrutúrase a través de un monólogo interior da protagonista, Nina, que vén buscar as cinzas de súa nai. A novela está repartida en relatos pequenos, de fácil lectura, e non respecta signos de puntuación, xa que, por exemplo, carece de puntos seguidos, nin tampouco as maiúsculas; unha estrutura tal que Piñeiro nunca pensou que fose premiada, e confesou que cando se decatou pegou un chimpo impresionante: «A novela non é moi comercial, pero non me importa, aínda que é moi fácil de ler. Ten un certo desorde e ausencia de puntuación, pero vai gustar», apuntou o ribeirense.

Despois de falar dos seus libros, ambos autores e o propio Riveiro Coello estableceron un pequeno debate sobre o mundo editorial actual, e Piñeiro expresou o seu pesimismo co futuro do formato libro, o que obtivo a réplica do autor de Laura no deserto, quen lle dixo que sempre haberá libros. Portas sinalou que o audiovisual é máis cómodo, porque o público só ten que sentar ante unha televisión e quedarse co que lle dan, sen ter que ler, pero Coello lembrou que os guións teñen unha base literaria.

Pechou o acto o alcalde de Noia, que se gabou de que Barbantia contase coa vila para a presentación de apertura do novo curso e animou a seguir facendo novos actos. Santiago Freire confesou que acababa de mercar as dúas novelas e comprometeuse a lelas.

Antón Riveiro apostou polo futuro do libro impreso, ante o pesimismo de Piñeiro e Portas


Comentar