Pontes
Noia
16 Jul 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Opatrimonio inmaterial que gardan as pontes galegas é dos máis esquecidos. Apenas atopamos referencias no cancioneiro e pouco máis na literatura, pese a formar parte da nosa paisaxe e seren orixe de moitas das nosas localidades. Construídas para unir territorios a través dun río, mantiveron durante un tempo os fielatos ou portádegos nos que había que pagar impostos. Seguro que da de Ponteceso saíron algúns versos de Pondal, ou da de Padrón de Rosalía.
Moitas localidades incluso naceron coa ponte e lévano no topónimo, como Pontevedra, Ponte Maceira, Pontecesures, que ten unha ponte que formou parte da máis longa de Europa, xa que no seu tempo chegaba a Iria Flavia. A medieval de Ponte Nafonso, hoxe restaurada, foi unha das máis longas de Galicia, que cos seus 270 metros e 22 arcos servía para a conexión de parte da ría coa capital, Noia, que tamén é cidade de pontes monumentais. Outra descoñecida do medievo é a Ponte do Porto, conxunto histórico formado coas torres de Cereixo, a aldea e un dos cabazos máis fermosos e grandes do país.
É moi concorrido atribuír aos romanos moitas das nosas pontes medievais, aínda que romanas quédannos ben poucas, porque coa chegada dos automóbiles fóronse derrubando ou ampliando. Se de modernas nos queremos gabar, non debemos esquecer a ponte sobre o Ulla que une Rianxo e Catoira para o ferrocarril, premiada pola súa beleza estrutural e polo enxeño acadado.
Históricas e bucólicas son a Miserela (A Pobra), a do río Sieira (O Son) ou Brandomil (Zas). Dá gusto pensar na historia e historias que gardan.