«Nunca pensei que un mariñeiro podía chegar a publicar un libro»
Porto do Son
22 Feb 2014. Actualizado a las 07:00 h.
Só foi un par de anos á escola, pero Emilio García aprendeu todo o que tiña que saber a golpe dos sonetos de Lope de Vega e Quevedo, das coplas de Jorge Manrique e dos poemas de Francisco Añón. Fixándose nas súas creacións foi quen de desenvolver a vocación de artista das palabras que sempre levou dentro. E iso que, como tantos outros barbanceses, pasou máis tempo na auga que na terra, pois exerceu a profesión de mariñeiro ao longo de nada menos que 55 anos. Hoxe pode presumir de ter percorrido medio mundo pero, sobre todo, de ter no seu poder unha colección de corenta libros, todos eles asinados por el.
García Portosín está convencido de que a poesía corre polas súas veas desde que naceu: «Lémbrome desde moi nenos escribindo versos, algo que non era nada habitual na miña época. A min gustábame e sempre seguín adiante con esta afección». De feito, a súa paixón polas letras foi en aumento, alimentada polas paisaxes, as experiencias e os sentimentos que brotaban con cada travesía: «Estiven na marina mercante, andei ao bacallau e traballei incluso na flora de baixura de Portosín pero, alí onde ía, sempre levaba os trebellos para escribir. Inspirábame no mar, nas mulleres, nos problemas da vida... en todos os temas aos que chegaba a miña imaxinación».
E así foi como foron xurdindo unha ducia de libros de poemas, outros tantos volumes con pezas teatrais, compendios de relatos curtos e ata varias novelas longas: «Non sei se ben ou mal, pero eu doulle a todo». Emilio García é consciente de que nunca verá encadernados e á venda a maior parte das corenta obras que ten no seu poder, pero veu cumprido o seu gran soño no verán do 2011, cando saíu á luz o seu primeiro libro, Luces de soños. Xamais imaxinara que chegaría ese momento: «Nunca pensei que un mariñeiro podía chegar a publicar un libro, nin sequera me formulara esa posibilidade. Cando me xubilei empecei a darlle voltas á idea, cada vez con máis forza, e ata que saíu non parei».
Sen morriña polo mar
É que, aínda que Emilio García Portosín segue a considerarse un mariñeiro, recoñece que desde que completou a súa última singradura, o mar non lle tira: «Para nada, hai moitos que seguen indo despois de xubilarse, aínda que só sexa de forma lúdica, pero a min non me gusta nin sequera para pasear».
Se ben é certo que o recuncho polo que si se sinte atraído este veciño de Porto do Son está pegado ao mar. Trátase das pedras do Castro, situadas ó final da praia da Catía. É esta unha paraxe á que Emilio García ía xa cando era un cativo que empezaba a entrar en contacto co mundo das letras: «Aí era onde escribía e debuxaba cando era neno e a onde seguín indo de maior». Lembra que, daquela, era un lugar moito máis tranquilo que na actualidade: «Agora quedan poucos recunchos costeiros que non estean cheos de bañistas». Por iso, á hora de enfrontarse a un papel en branco, o mariñeiro decántase agora pola paz do seu fogar.
barbanceses no seu recuncho emilio garcía portosín