La Voz de Galicia

A raíña dos mariñeiros chega ao Son para ledicia da vila

Porto do Son

S. Gómez

A procesión marítima, a sardiñada popular e a festa da auga serán os pratos fortes dunha arraigada celebración

07 Sep 2016. Actualizado a las 05:00 h.

As Festas do Carmen comezan hoxe en Porto do Son para ledicia desta poboación mariñeira. Loxicamente, a raíña dos mares será a gran aclamada, aínda que terá que compartir papel protagonista con tódalas actividades que a comisión de festas pechou para esta edición. A tradicional procesión marítima, a sardiñada popular na capela de O Loreto e a festa da auga serán só algúns dos seus pratos fortes.

Os festexos comezarán esta mañá co grupo de gaitas Rumbía, que percorrerá as rúas do centro da vila pola mañá. Parará na praza de España, onde dará un pequeno concerto para tódolos veciños. Á noite, a verbena tomará o protagonismo. Na zona portuaria actuará a orquestra Ciudad Cristal e no centro, o grupo Ciclón.

Para mañá, día dedicado á Virxe do Carme, Rumbía e a agrupación musical Virxe da Amargura de Ferrol porán as sintonías antes de que ás 10.30 horas saía a santa dende a capela da Atalaia ata a explanada portuaria, onde se celebrará a misa ás 11.00.

Ao remate da cerimonia, comezará a procesión marítima pola ría de Muros-Noia. Ao seu peche, a agrupación de Ferrolterra dará un pequeno concerto en terra. A música regresará pola noite, Olympus tocará na porto e La Phila, na praza de España.

Romaría do Loreto

Os veciños teñen unha cita na capela do Loreto o venres. Rumbía e a Banda de Caamaño porán ritmo no lugar. Están previstas misas dende as oito ata á unha, e esta última será cantada polo coro parroquial. Tralos ritos, será o momento da sardiñada, na que tamén estarán o dúo Máster e o grupo de pandeiretas Brisa do Son, este actuará ás 18.00. Pola noite, na zona portuaria tocará Abanico e na praza de España Brujas.

O sábado é para honrar a San Roque. A xornada comezará cunha misa na capela de A Atalaia, ás 12.00, que estará acompañada pola coral Virxe do Carme e a banda de música de Brión. Ao finalizar a procesión, celebrarase unha sesión vermú na praza España amenizada pola orquestra Cosmos. A partir das 17.00, os rapaces contarán con inchables e xogos no xardín portuario. Por último, Cosmos, na praza de España, e The Boys Machine, no peirao, porán música á noite.

Para pechar as celebracións, o domingo está prevista unha xornada moi intensa e variada. Comezará coa banda de Lousame paseando polas rúas do centro da vila. Ás 11.30 arrancará a misa na igrexa parroquial, que estará cantada pola coral Virxe do Carme. En canto finalice, a praza de España acollerá o concerto da banda lousamiá.

Arredor das 20.00, a charanga BB+ daralle ritmo á tarde cos sons máis movidos, mentres que esa mesma noite, Ritmo Joven, na praza de España, e Pasarela, porán o fin ás celebración con dous repertorios que non esquecerán ningún dos grandes éxitos deste verán. A partir da media noite comezarán os fogos de artificio, que correrán a cargo da pirotecnia Bierzo Pibierzo.

A continuación será o momento de que os veciños se mollen na festa da auga que terá como punto neurálxico a praza de España. A charanga BB+ daralle ritmo a unha festa que porán gozar nenos, pais, nais, avós e avoas, e que será o fin dos festexos.


Comentar