José Manuel Vázquez Lijó: «A gran aposta do Marea é o traballo de recollida da memoria colectiva»
Porto do Son
Desde o museo estase a realizar un labor sobre a emigración en Porto do Son
28 Dec 2021. Actualizado a las 04:53 h.
Recoller e transmitir a memoria das xentes do mar é o obxectivo principal do Marea, o museo de Porto do Son que conta tanto cunha interesante colección etnográfica como con modernos soportes que permiten mergullarse nas vivencias dos veciños deste pobo eminentemente mariñeiro. Case desde a súa apertura, no 2012, a sala está dirixida por José Manuel Vázquez Lijó, que ademais de recibir e guiar aos visitantes, fai un labor de investigación que se traduce tanto en exposicións como en libros.
—Que lle ofrece ao público o museo Marea?
—Este museo ten un carácter etnográfico e antropolóxico. Desde un principio, apostouse por rescatar a memoria colectiva da xente do mar; de feito, contamos cun fondo fotográfico moi importante doado polas familias e tamén recollemos testemuñas orais. O traballo realizado deu como froito O Son que coñeceu Ramón Caamaño, un libro que é un relato coral.
—Cales son os principais contidos a nivel expositivo?
—Temos aparellos e utensilios vinculados coa pesca e co marisqueo, e tamén material audiovisual, vinculado sobre todo a naufraxios e á actividade pesqueira da vila hai 60 anos. Tamén temos recollida a memoria oral a través de entrevistas con redeiras, mariñeiros e carpinteiros de ribeira. Co material que imos conseguindo tratamos de montar novas exposicións de carácter temporal.
—Cales son agora as liñas de traballo?
—Estamos traballando no eido da emigración, que foi moi importante en Porto do Son e deu lugar á creación de dúas asociacións, unha en Bos Aires e outra en Montevideo. O proxecto retrasouse por mor do covid, xa que tiñamos que facerlle entrevistas a netos de emigrantes, e tamén estamos a recoller cartas da época. Agardamos inaugurar o vindeiro ano unha exposición.
—Ademais da exposición permanente, que se pode ver actualmente no museo?
—Ampliamos o período de exposición de Donos de seu. A xente do mar de Porto do Son. 1580-1930, que está vinculada coas loitas das xentes do mar da época.
—Cal cre que é o papel principal do Marea?
—A gran aposta do Marea é o traballo de recollida da memoria colectiva a través de fotografías e das lembranzas dos maiores. É o que o fai singular.
—Cales son os usuarios principais da sala?
—Por unha banda están os escolares e por outra, os xubilados. Despois temos, nos meses de xullo e agosto, os turistas.
—Que lle chama a atención aos máis pequenos?
—Aos nenos gústanlle aqueles obxectos que nunca antes viron. Por exemplo, a vértebra dunha balea, unha corda de cáñamo antiga, unha antiga cadeira dunha escola ou un pizarrillo.
—Cumpre o Marea o papel de ben colectivo?
—A idea é prestar un servizo cultural e ter sempre conexión coa comunidade local. Os veciños si que contribúen a enriquecer os fondos do marea, prestándose sempre a deixarnos fotos e cartas para dixitalizar. Ultimamente recibimos a doazón dunha medalla e dun diploma de Salvamento Marítimo.
—Existe sinerxía co castro de Baroña, o gran foco de atracción turística de Porto do Son?
—O desexo é ese, que a xente que visita o castro, que é a gran icona do municipio, veña tamén á vila e coñeza outras propostas como o Marea. É complicado xerar unha ponte entre os dous recursos e moito menos competir co xacemento de Baroña.
—Aínda así, considera xustificada a existencia deste museo?
—Porto do Son non se entendería sen un museo do mar que axude a entender quen foron os veciños de antano. Este é un pobo cun vínculo mariñeiro moi potente.
—Cara onde debe camiñar o Marea de cara ao futuro?
—O ideal sería ampliar as instalacións musealizando unha antiga fábrica de salgadura, ese sería o crecemento natural do Marea.
—E a nivel expositivo, que lle gustaría ver na sala?
—Por exemplo, unha maqueta dunha volanteira, un barco típico de pescada.
—Ten predilección por algún eido de investigación?
—Gustariame darlle visibilidade ao traballo feminino vinculado aos oficios do mar.