La Voz de Galicia

Cetáreas de lagostas en Porto do Son

Porto do Son

manuel mariño del río

A captura do crustáceo foi unha importante actividade na vila a comezos do século XX

27 Jan 2024. Actualizado a las 11:26 h.

Nos primeiros anos do século XX, a captura de lagostas era moi importante. Esta circunstancia animou a varios armadores a plantearse o seu almacenamento en cetáreas ou viveiros. Alí acadaban entre vinte e trinta centímetros, tamaño ideal para a súa distribución e venda. Aqueles crustáceos habitan en fondos rochosos e podían capturarse por medio de nasas grandes en forma cilíndrica co armazón de madeira e cubertas cun pano de rede. Levaban a boca de entrada no medio da nasa e na parte oposta un lastre de pedras. En menor medida tamén se pescaban con redes. Daquela dous armadores de Porto do Son solicitaron ás autoridades de Mariña o correspondente permiso para a instalación de cetáreas.

Juan Parada Vidal foi un destacado armador sonense que herdou dos seus pais, José Antonio Parada e Teresa Vidal, un almacén de salga de sardiña que xa estaba en activo en tempos dos seus avós José Parada e Cipriana Pérez. Juan tamén era propietario de varios inmobles naquela vila. Entre 1880 e 1903 mandou construír 15 lanchas do xeito aos carpinteiros de ribeira sonenses Eduardo Santos Santos e Juan Santos Santos. Con esta importante frota abasteceu de sardiña o almacén da súa propiedade. Aquelas lanchas custaron 260 pesetas, as máis pequenas (7,70 metros de eslora) e as máis grandes 480 pesetas (8,00 metros de eslora). Tamén lle mercou unha buceta de nome Langosta, de 3,85 metros o ano 1902, ao carpinteiro Juan Santos Santos.

O 12 de maio de 1909, a autoridade da Axudantía de Mariña de Muros autorizou a lancha da súa propiedade, San Juan para a pesca da lagosta, a súa conservación nela e transporte da mesma dun porto a outro dentro da ría de Muros e Noia e parte da costa onde tiña establecidos o seu dono Juan Parada Vidal uns viveiros do mencionado crustáceo, segundo a autorización do señor comandante da provincia, obrante a continuación de instancia que foi presentada polo interesado naquela Axudantía na data sinalada.

É doado supoñer que a ría proporcionaba boas capturas de lagosta porque o ano seguinte, 1910, a corporación municipal do concello sonense deu conta do expediente que se instruía daquela na Comandancia de Mariña da Provincia Marítima de Vilagarcía, a instancia de Manuel Fernández Sieira, veciño de Porto do Son, pola que solicitou a construción dunha cetárea ou viveiro de lagostas neste porto.

O expediente do proxecto foi enviado para que o Concello informase favorablemente. A corporación acordou por unanimidade emitir o seu ditame favorable ao devandito proxecto por consideralo un progreso, ser fonte de utilidades para este porto, facilitar as súas transacións aos pescadores sen teren que expoñer as súas vidas nos longos traxectos para realizar as súas vendas e non entorpecer os varadoiros e a navegación.

Carecemos de información que nos permita completar estas dúas pequenas referencias á instalación de viveiros ou cetáreas de lagosta ao longo dos anos. Si sabemos que nos anos cincuenta do século pasado vendíanse estes crustáceos na antiga lonxa de Porto do Son, situada, daquela, nun baixo próximo á darsena portuaria.

Barcos no peirao de Porto do Son en 1959 FOTo ROQUE

 


Comentar