Porto do Son encheuse de comensais con ganas de polbo e festa
Porto do Son
A andaina que precede a exaltación foi en memoria do edil falecido Manel Deán
10 Aug 2024. Actualizado a las 18:25 h.
A carpa da polbeira de Veloso poñíase en marcha a primeira hora da mañá en Porto do Son. Unha tonelada de cefalópodo, arredor de 300 quilos de mexillón, unhas 50 empanadas e moito churrasco, o propio Veloso facía contas: «Esperamos que veña moita xente, coma sempre». E así foi, os comensais non se demoraron. Sobre as 12.30 horas xa empezaban a acumularse para comprar os tíckets da comida. E a calor non evitou que se formasen longas colas.
En apenas unha hora, veciños e visitantes encheron o lugar. Manolo e Ramón, un dúo moi dinámico de Rianxo, foron dos primeiros: «Vimos todos os anos, a non ser que enfermemos». Había persoas que repiten en cada edición e outras que se estreaban. Este último é o caso de Melchor, un madrileño que con catro tapas de polbo na bandexa, dicía entre risas: «Son todas para mí». O grupo de xente co que estaba comenta que nunca antes viñeran á festa: «Veraneamos un año aquí y nos encantó, volvimos y nos encontramos con esto».
Tamén outra familia chegaba a Porto do Son, esta vez desde San Sebastián. Eles levan anos vindo, e cando lles coinciden as vacacións con esta festa non o pensan dúas veces. Ata unha parella de Alemaña acabou na carpa. Achegáronse por curiosidade e ao ver a comida non dubidaron en ir comprar un tícket.
¡Así se vivió la Festa do Polbo de Porto do Son!
Andaina e homenaxe
Este ano, a andaina do polbo fíxose en honor do recentemente falecido concelleiro do municipio sonense Manuel Deán. Paco, máis coñecido como Pacucho, foi un dos fundadores desta camiñada: «Empezamos sendo tres, e trece anos despois saímos 120 persoas a andar».
Sobre as 13.00 horas chegaban os primeiros. Tras 21 quilómetros nunhas catro horas, desde Boiro a Porto do Son, estaban sedentos e esfameados: «Foi un camiño duro, sobre todo polo sol», «o mellor foi a baixada chegando, polas bonitas vistas», eran algúns dos comentarios que se oían.
Con eles viña o alcalde, Luis Oujo: «Primeiro unha cañita para refrescarse e despois a comer». El, xunto a Verónica Deán e Pacucho, foron os primeiros en probar o manxar: «Boísimo, o polbo o de Veloso nunca defrauda».