La Voz de Galicia

Rianxo mostra a súa paixón pola lectura

Rianxo

F. Brea Ribeira / La Voz
As casetas estarán na praza Castelao ata o domingo

A cita literaria prolongarase ata o domingo na praza Castelao, pola que pasarán 15 autores

22 Jul 2021. Actualizado a las 18:57 h.

Rianxo inaugurou este xoves na praza Castelao a súa Feira do Libro, que nin a pandemia impediu que se cancelase. É máis, nestes tempos nos que hai que manter a distancia social, a literatura foi o refuxio de moitos para seguir viaxando e vivindo aventuras. O acto de inauguración tivo lugar ás 13.00 horas co pregón de Montse Fajardo, que pola tarde estivo asinando exemplares da súa obra A vida incerta.

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presidiu a posta de largo deste evento literario, xa que trátase dunha das citas do circuíto impulsado pola Xunta e a Federación de Libreiros para divulgar o libro e a lectura por toda Galicia cunha ducia de paradas ata o mes de agosto. O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade celebrou a ampla participación de profesionais nesta feira: «Quero trasladar o meu agradecemento a cantos se involucran nestas iniciativas pensadas para favorecer á reactivación do sector ao tempo que se promove o consumo cultural». Recordou, ademais, que contan co «total apoio da Xunta».

Lugar seguro

Do mesmo xeito, Anxo M. Lorenzo recoñeceu o labor da Federación de Libreiros de Galicia para ofrecer unha actividade á altura do sector editorial e que, ao tempo, sexa segura tanto para os profesionais como para os visitantes. Tamén aproveitou para facer un chamamento a toda a cidadanía para que, sexa cal sexa a súa motivación, aposten por «mercar libros, gozar da lectura e acudir a esta feira e ao resto que terán lugar durante as vindeiras semanas para devolverlle ao sector o moito que fixeron por nós durante os meses de confinamento».

Ao longo destas xornadas os asistentes disporán dun 10 % de desconto en todas as súas compras e, ademais, contarán coa asistencia de máis dunha quincena de profesionais que asinarán libros. Onte, ademais de Montse Fajardo, estaban programadas as sinaturas de Arantza Portabales e José Carou Rey.

O venres será a quenda, ás 12.00 horas, de Fon; ás 13.00 estará Denis Maza, ás 19.00 asinará exemplares de Don Carlos e o misterio dos Lucecús Patricia Torrado, e pechará o día, ás 20.30, Lois Oreiro. Na xornada do sábado estarán Maite Masconi, Xosé A. Perozo, Miguel Ángel Otero e Helena Villar Janeiro. Para concluír a Feira do Libro de Rianxo, o domingo visitarán a praza Castelao os autores Juan Galán, Rena Ortega, Rober H. L. Cagiao e Ramón Torrado. No evento tamén participan oito librarías.

Horario e máis datas

A cita rianxeira é a oitava do circuíto de Feiras do Libro de Galicia e nesta nova edición estará aberta ata o domingo, en horario de 12.00 a 14.00 e de 18.30 a 20.30 horas, agás mañá e o domingo que prolongará o seu peche en horario matinal ata as 14.30. Tras o seu paso por Rianxo, o evento continuará percorrendo a comunidade ata o mes de agosto pasando por A Coruña, Viveiro, Foz e Monforte.

Ademais, o sector literario de Galicia tamén estará presenta nas Feira Liber, en Madrid, e na Feira de Frankfurt, que está previsto que se celebren no mes de outubro.


Comentar