La Voz de Galicia

Rianxo xa conta os días para volver honrar á Moreniña

Rianxo

La Voz Ribeira / La Voz
As bengalas volverán iluminar a praza Castelao ao ritmo da Rianxeira.

O Feirón Mariñeiro, as Juadalupeñas e a noite das bengalas compartirán protagonismo con orquestras, Roi Casal e moitas actividades nas Festas da Guadalupe

23 Aug 2022. Actualizado a las 05:00 h.

Cada vez queda menos para volver a vivir unha das citas máis agardadas no calendario festivo de Barbanza, principalmente polos rianxeiros. As Festas da Guadalupe xa están á volta da esquina e a comisión foi pouco a pouco anunciando un programa que xa está completo, e no que non faltarán as citas máis clásicas e divertidas.

O venres 9 de setembro é a data sinalada para o comezo das celebracións, cunha festa dos 80 con Bruno Deejay e Xocobo Mínimo. Será un moi bo aperitivo para abrir boca de cara a sete xornadas de moita troula.

Xa o sábado a comisión propón unha «verbena diferente, espectacular, e con propostas para todos os públicos». Nela participarán a Escola de Música de Rianxo, que trasladará aos asistentes ao pasado con música popular, pero ofrecendo un espectáculo modernizado que suporá tamén o reencontro de dous amigos na orquestra Gran Parada: José Manuel Domínguez e Silvia Ferre.

Despois chegará o momento de que Roi Casa suba ao escenario para mesturar os sons cubanos e galegos, co seu toque persoal.

Regreso ao mar

A Moreniña volverá ao mar o día 11, cando terá lugar a tradicional procesión que na que estarán as gaitas de Buxaina e da Banda de Teo. Nesta ocasión irá acompañada pola Asociación do Traxe Galego, que tamén fará unha demostración. A verbena correrá a cargo de Status e Panamá, e non faltarán os fogos de artificio.

As Juadalupeñas porán a cor e a diversión o luns 12 cos tradicionais xogos. Pola noite actuará Cinema, unha orquestra con moito tirón en Rianxo, e o grupo Eureka, formado por catro vocalistas e un Dj.

Como vén sendo habitual, o martes será a xornada na que se celebrará o irmandamento con Padrón. Silvaredonda encargarase das alboradas e de amenizar a sesión vermú. Á noitiña collerá o relevo a charanga RqR. Tamén haberá actividades de cultura urbana e Furia Joven e Assia porán o peche na verbena.

Haberá tempo para os xogos tradicionais e será o mércores 14, día no que tamén se celebrará un xantar popular e os máis pequenos gozarán de diferentes espectáculos. De facer bailar a rianxeiros e visitantes encargaranse Nueva Fuerza, que, ademais, estará na sesión vermú, e América de Vigo co seu potente directo.

Como non podía ser doutro xeito, o Feirón Mariñeiro é unha das citas máis agardadas. Rianxo regresará ao pasado e os veciños vestiranse para a ocasión. É, sen dúbida, un dos días que os veciños viven máis intensamente. Cé Orquestra Pantasma e La Bamba tocarán na hora do vermú e o colofón chegará coa Noite Folc. Antes, ás 20.00 horas, será a Rianxeira popular na praza da Igrexa.

E para pechar as Festas da Guadalupe máis desexadas haberá verbena infantil, inchables, festa da escuma e, por suposto, a praza de Castelao iluminarase con milleiros de bengalas e vibrará ao son da Rianxeira.


Comentar