Castelao volve a Rianxo para a rodaxe da película «Antes de Nós»
Rianxo
O filme chegará aos cines o vindeiro ano
05 Sep 2024. Actualizado a las 17:44 h.
Castelao, reencarnado en Xoán Fórneas, volve percorrer as rúas de Rianxo, vila natal do intelectual e que estes días está a ser escenario da rodaxe da película Antes de Nós, un filme arredor da figura do pai do galeguismo que está previsto que chegue aos cines o vindeiro ano.
O entorno da igrexa de Santa Columba, a escasos metros da casa familiar de Castelao, foi un dos puntos nos que se desenvolveu a rodaxe na xornada deste xoves, ante a curiosidade dos veciños da vila. Incluso membros do executivo local se achegaron a saudar aos profesionais que traballan na produción.
A película, dirixida por Ángeles Huerta e con guión de Pepe Coira, busca mostrar como era Castelao, profundando nas súas emocións e nas circunstancias históricas que viviu e que deron forma á figura de referencia na que se converteu. Para iso, o filme céntrase en dous episodios cruciais da súa vida: o seu exercicio como médico en Rianxo durante a gran gripe do 1918 e a viaxe que realizou a Bretaña en 1929 acompañado pola súa muller, Virxinia, trala tráxica perda do seu único fillo.
Xoán Fórneas ponse na pel de Castelao e Cris Iglesias interpreta a Virxinia Pereira dentro dun elenco de actores do que tamén forman parte Nancho Novo, Xoel Fernández, Miquel Insua ou Isabel Vallejo, entre outros.
A rodaxe prolongarase durante todo o mes de setembro con localizacións como Rianxo ou Pontevedra, lugares escollidos pola relevancia na vida de Castelao, e en Santiago, Muros, Fisterra, Silleda ou Negreira, onde se reproducirán os escenarios nos que viviu.