La Voz de Galicia

«O turismo mariñeiro non é a solución, debe investirse na pesca para que sexa rendible»

Rianxo

A. Gerpe ribeira / la voz presidente do galp ría de arousa
Miguel Ángel Iglesias, patrón mayor de Rianxo y presidente del GALP Ría de Arousa

O patrón maior de Rianxo asegura que as confrarías como as arousanas deben dar un paso ao fronte para depender menos das axudas e profesionalizar as vendas

16 Dec 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Responsable do pósito de Rianxo dende o 2014, Miguel Ángel Iglesias Romero (Rianxo, 1977) preside na actualidade o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro GALP Ría de Arousa, asociación sen ánimo de lucro encargada da xestión de fondos europeos da que pon en valor a importancia que está a ter para que emprendedores, empresas e mesmo confrarías ou asociacións de carácter social vinculadas ao territorio poidan contar con apoio económico para o desenvolvemento de proxectos que favorecen a creación de postos de traballo.

Ao GALP Ría de Arousa pertencen as confrarías, pero tamén outras organizacións de produtores e entidades diversas. Suman en total 47, das que o 36,2 % son do sector pesqueiro. Estas aglutinan a máis do 80 % da poboación da zona afiliada ao réxime do mar.

—Como contribúen os proxectos arroupados polo GALP á dinamización do territorio?

—De manera significativa. Hai empresas que accederon ás axudas e crearon emprego, outros fixeron posible o nacemento de novas iniciativas empresariais vinculadas á pesca. Os GALP dan opcións para novos postos de traballo e favorecen a realización de proxectos.

—O principal obxectivo do GALP é a mellora da competitividade do sector pesqueiro e a creación de emprego. Unha das saídas de diversificación que se están a propoñer, tanto neste como noutros GALP, é a do turismo mariñeiro. Pode ser viable?

—Pode valer para momentos puntuais, pero non como unha actividade que permita a obtención duns ingresos fixos. O turismo mariñeiro non é a solución, debe investirse na pesca para que sexa rendible. A xente dedicada ao mar ten que poder vivir do seu traballo. Por outra banda, boa parte das embarcacións que temos na ría non son axeitadas para adaptar para enrolar a tripulantes alleos.

—O descenso de capturas na ría de Arousa é unha realidade, en tódalas artes. Como pode facerse máis rendible o traballo dos profesionais?

—As confrarías debemos dar un paso ao fronte e camiñar cara a unha maior profesionalización. Hai que clasificar moi ben o produto, por exemplo en canto a tamaños, para que lle chegue ao cliente o que demanda. Tamén podería ser interesante seguir o modelo de Cambados coa vieira e aplicalo a outros bivalvos como a volandeira ou a ameixa. O que debe buscarse é que o mariñeiro saque o maior beneficio e que as confrarías dependan de si mesmas. Non podemos estar a expensas das axudas.

—E posible que deba cambiarse o modelo de explotación?

—Ao mellor hai que ter menos días de traballo e optimizalos. As confrarías estamos a ser meros intermediarios, temos que intentar sacar o noso produto á venda.

—Como pode facerse?

—Hai zonas que poderían explotar doutra maneira, pero faríanos falla ter pequenos criadeiros. Rianxo xa presentou hai tempo un proxecto deste tipo para levar a cabo con Cabo de Cruz e con A Pobra, pero a Xunta díxonos que xa había outras.

—Algunhas confrarías están a apostar por converterse en organizacións de produtores.

—Penso que todas acabaremos sendo OPP, pero o normal sería que Europa nos recoñecera como organizacións sen ánimo de lucro. Persoalmente, considero que facer organizacións de produtores nas confrarías é como unha especie de paso previo á privatización do terreo, aínda que son consciente que ese acabará sendo o futuro.

—Financiado polo GALP, os pósitos de Rianxo e Vilanova iniciaron un proxecto para explorar a rendibilidade das algas. En que quedou?

—Fíxose a primeira fase, pero non avanzamos máis. Pensamos retomalo, pero na actualidade hai outras prioridades.

As visitas promovidas polo GALP permiten ás confrarías coñecer modelos de xestión de recursos»

No marco das iniciativas que desenvolve o GALP Ría de Arousa, representantes do sector pesqueiro teñen a oportunidade de coñecer iniciativas distintas e tamén de poñer en valor as propias.

—Vostede participou en varias saídas divulgativas, como foi?

—As visitas promovidas polo GALP permiten ás confrarías coñecer modelos de xestións de recursos. Resultaron moi interesantes. Unha delas foi a Italia, á desembocadura do río Po. Alí traballa unha organización de produtores, cuns 650 socios, que tiñan importantes ingresos traballando menos días do que o facemos nós. Eran uns parques de cultivo e vimos outros modelos.

—Sería aplicable?

—Habería que estudalo, pero penso que si. Os nosos bancos tamén son como parcelas. Hai que rendibilizar os meses de traballo, non traballar máis.

—Outra das saídas foi a Girona.

—Si, nese caso cun modelo no que os mariñeiros traballaban para a confraría, que xestionaba as gaiolas do cultivo de dourada, que levan a cabo no período de veda. Tivemos oportunidade de afondar en varios aspectos.

—Pensa que o territorio está a sacar proveito dos fondos que xestiona o GALP?

—Considero que están a aproveitarse moi ben. A nivel de confrarías e entidades sociais estanse a presentar proxectos para a recuperación do patrimonio, en materia de turismo ou ambiental. Para as confrarías supón unha axuda moi importante, porque conseguimos investimentos para cousas moi necesarias. Pero tamén hai empresas que conseguiron incrementar a súa liña de traballo ou mellorar a maquinaria. Estase a darlle visibilidade ás mulleres no ámbito pesqueiro. E fixéronse proxectos que favoreceron a creación de emprego.

—Ao marxe do GALP tamén estivo fai pouco en Brasil nun foro sobre a pesca.

—Si, falei de aspectos que afectan á ría de Arousa, como a contaminación ou a burocracia.


Comentar