La Voz de Galicia

Moito máis que matrículas de honra

Ribeira

Álvaro Sevilla

María, Sarela, Lois e Julieta preséntanse a próxima semana á selectividade cun expediente académico que incluso chega a superar á mesma perfección 

07 Jun 2015. Actualizado a las 18:47 h.

María Silva, Sarela Betanzos, Lois Pimentel e Julieta Dix son moito máis que a nota media coa que o mércores se presentan a selectivo. Agochan mentes críticas, un pensamento libre e unha mirada comprometida da realidade. Defenden a lingua galega e o ensino público. A pesar de que son o exemplo perfecto dos éxitos do sistema educativo actual, buscan outra forma de facer as cousas, no que as notas, que tanto esforzo lles custaron sacar, teñan menos valor que os coñecementos. Creen e loitan por unha sociedade mellor. Sorprende a madurez coa que abordan as súas vidas. Opinan dende o coñecemento, mastigan as palabras antes de darlle forma e reflexionan previo paso a lanzarse a responder cada pregunta. O futuro é deles. Estas son as súas historias.

María Silva Instituto Número Un

A ribeirense comezou bacharelato co obxectivo de estudar veterinaria. O seu 9,42 de media colócaa nunha posición perfecta para acadalo, pero prefire esperar á selectividade antes de lanzar as campás ao aire. Apaixonada da música e do baile tradicional galego, asegura que a fórmula máxica para acadar a matrícula de honra foi un estudo constante, sen ningún exceso. María defende, ao igual que Sarela, Lois e Julieta, a educación pública e recorda con agarimo a tódolos mestres que tivo no instituto: «Creei un gran vínculos cos meus profesores, comprometéronse con nós en todo momento. Motiváronme cando as cousas non ían ben». Defende que cada un ten que facer o que quere, «é un gran erro que os rapaces teñan que estudar o que lles obrigan os pais e non o que eles queren».

Sarela Betanzos Instituto Félix

Muriel Sarela é un verso libre, unha rapaza combativa. Destila paixón e ganas de cambiar o mundo. Realizou o primeiro curso de bacharelato en Estados Unidos grazas a unha beca polos seus bos resultados académicos. «Cando volvín tiven que meterme en clases. O nivel educativo en Estados Unidos é baixísimo, tiña clases de bioloxía dignas de terceiro da ESO». Puxo como condición para aparecer na entrevista que o texto fose en galego, xa que cree que a lingua é un ben que non se debe perder. Está indecisa, non sabe se decantarse por medicina ou por biotecnoloxía, aínda non o ten moi claro. Non lle importa ter que marchar de Galicia para estudar, aínda que estará fora pelexando. Asegura que «desfacendo a educación pública queren crear unha sociedade elitista e manipulable». Ela non formará parte dela, estará na loita por conseguir que o mundo sexa un lugar mellor.

Lois Pimentel Instituto Praia Barraña

 Está tranquilo, as cartas xa están botadas. Lois Pimentel rematou bacharelato cun 9,83, nota dabondo para estudar una das carreiras que ten en mente. Pensou en facerse xornalista, economista ou politólogo, aínda que tamén ten entre mans estudar o grado superior en dirección de orquestra. O primeiro ano de bacharelato cambioulle a vida, foi o momento no que a filosofía entrou nela. Activouse nel unha luz que sigue brillando dende aquel momento. Sobre o sistema asegura: «Considero que o papel da educación é o de abrir os ollos e avivar un pensamento crítico da actualidade». 

Julieta Dix Instituto Virxe do Mar

Chegar á perfección é case imposible, aínda que Julieta conseguiuno. Rematou bacharelato cun 10 e agora dubida se estudar medicina ou decantarse polo grado superior en piano. Cando o comenta a xente chámalle tola, coma se decidirse pola música fose lanzarse ao baleiro. Defende a escola pública con sentimento, con implicación, asegura que o seu paso polo instituto noiés foi perfecto.  Dos catro rapaces é a máis reflexiva aínda que comparte o espírito de cambio do resto. Sentencia que «no sistema actual non é necesario aprender, bástache con chapar. As notas non me din nada». Para ela o importante é seguir reflexionando. 

Concienciados para conseguir un mundo mellor

Os catro rapaces concordan en moitas cousas, pero hai unha que os axita enerxicamente por enriba do resto. Defenden un mundo mellor, máis xusto, onde a educación non sexa un privilexio duns poucos. Buscan un mundo sen inxustizas de xénero, cor ou procedencia. Admiten que é complicado pero que está nas súas mans facelo. 

?¿Contra que loitariades?

?[María Silva] É unha barbaridade o trato que reciben os animais actualmente. Estanse utilizando como utensilios.

?[Sarela Betanzos] O ano que estiven en EE. UU sorprendeume que a pesar de ser un país tan desenvolvido, a relixión ocupa un lugar privilexiado. A igrexa non debería estar nas escolas.

?[Lois Pimentel] Estiven de vacacións en París e nas calles de compras, entre os turistas, estaba repleto de mendigos. Debemos rematar con tanta desigualdade.

?[Julieta Dix] Cando sexa doutora gustaríame marchar unha tempada á India e traballar coa fundación Vicente Ferrer.

?Un profesor que vos marcou nos vosos estudos

?[María Silva] Non podería dicirche un, tiven a sorte de ter grandes profesores. 

?[Sarela Betanzos] José Ricardo, o meu profesor de bioloxía. É atento e trátache como un igual.

?[Lois Pimentel] O meu mestre de filosofía, foi o que me ensinou a pensar libremente.

?[Julieta Dix] Francisco Sóñora, é grazas a el polo que quero estudar medicina. 

?Un grupo de música

?[M. S.] Bon Jovi, aínda que tamén me gusta Extremoduro e Guns and Roses.

?[S. B.] Hans Zimmer, é un compositor de bandas sonoras que utilizo para estudar.

?[L. P.] Céline Dion.

?[J. D.] En música clásica diríache a Beethoven, en jazz a Bill Evans e en rock a Led Zeppelin.

?Asignatura favorita

?[M. S.] Bioloxía.

?[S. B.] Bioloxía.

?[L. P.] Francés e economía.

?[J. D.] Bioloxía e matemáticas.

?Nota Media

?[M. S.] 9,42.

?[S. B.] 9,75.

?[L. P.] 9,83.

?[J. D.] 10.

?Un libro

?[M. S.] Novela de ajedrez

?[S. B.] Cien años de soledad

?[L. P.] Made in Galicia

?[J. D.] Un mundo feliz


Comentar