La Voz de Galicia

«No Antártico había días que podías subir á cuberta en traxe de baño»

Ribeira

lucía rey viveiro / la voz Mariñeiro de Ribeira que traballa como segundo de máquinas no Aveneira, pincheiro de Celeiro
Ramón Fernández Rey, esta semana no porto de Celeiro, onde ten a base o pincheiro Aveneira

O mariñeiro ribeirense Ramón Fernández Rey, segundo de máquinas no pincheiro Aveneira, con base en Celeiro, faena no Gran Sol con 55 anos tras traballar en todos os océanos

30 Jan 2021. Actualizado a las 05:00 h.

Nos 37 anos que leva embarcado, Ramón Fernández Rey, mariñeiro de Ribeira de 55 anos, faenou en todos os océanos. «No Atlántico, no Índico, no Pacífico, no Ártico..., e tamén estiven na Antártida», relata. Actual segundo de máquinas do Aveneira, pincheiro con base en Celeiro que traballa no Gran Sol, describe o impacto que sentiu cando hai case tres anos participou nunha campaña no Antártico para pescar o cotizado «toohfish», ou «merluza negra», e onde dalgunha maneira foi testemuña do cambio climático que está a experimentar o planeta. «Chámache a atención ir entre xeos, ver os icebergs, animais que nunca viches: leóns mariños, pingüíns, focas... E pensas que todo é frío, pero había días que podías saír arriba, subir á cuberta, en traxe de baño, e dis: Como é posible!», revelou nun descanso dun curso de loita contra incendios e supervivencia no mar organizado en Celeiro.

-Embarcou con 18 anos. Como cambiou o mar desde entón?

-A vida é igual de dura, é a mesma, aínda que hai máis comodidades. Empecei nun barco de madeira onde non tiñas onde ducharte nin facer as túas necesidades. Logo os barcos foron avanzando e agora, por exemplo, no noso tes un camarote, auga quente para ducharte... E á hora de comunicarse coa familia nós, no Aveneira, temos wifi e podémonos comunicar practicamente todos os días. Non é o mesmo andar nun barco no que botas tres meses sen pisar nin ver terra, que nun coma este, que normalmente descarga en Irlanda e no que cada sete, oito ou dez días podes ir a terra e xa te comunicas.

-Como se leva a pandemia do coronavirus nun barco?

-Antes de embarcar da outra vez fixéronnos unha proba de antíxenos. Agora xa nos esixiron unha PCR para vir, e seguro que cando vaiamos para aló de novo nos fan outra. Se me preguntas en canto á seguridade polo coronavirus, prefiro estar no mar porque ao pasar aqueles primeiros quince días e ver que ninguén ten nada, sabes que a cousa está ben. Pero agora que viñemos no avión e logo para aquí facer o curso, xa vou con medo para a casa.

-Que é o mellor do mar?

-As anécdotas boas, os amigos. Colles confianza con xente e iso quédache dentro. Sigo wasapeando con dous compañeiros de Uruguai que andaban na máquina comigo, teño un amigo marroquí, e agora neste barco no teño bastante amizade con dous indonesios. Esas si son cousas bonitas.

-E o máis duro?

-Teño metido na cabeza, aínda que hai moitos anos que pasou, ir a un naufraxio e ter que coller os cadáveres do mar. Foi o que máis me impactou porque me acordo diso moitas veces.

-Cales son, ao seu xuízo, as causas de que non haxa relevo?

-É normal que non o haxa. Teño un fillo de 21 anos estudando e xa tratei de que non lle gustara, que por sorte non lle gusta, porque non quero isto para el. Meu pai foi mariñeiro, case sempre na Mercante de cociñeiro. Botaba dez meses ou un ano sen vir á casa. E eu iso non o quero. O máximo que pasei sen ir á casa, e non o volvo facer, foron case dez meses. E total, para nada. Gañaches cartos, si, pero non che solucionou nada. Non estás máis rico senón ó contrario porque perdiches cousas coa familia.

«Estou que rabeo para poder retirarme cando me toque e disfrutar dos netos»

Casado, cunha filla de 37 anos, un fillo de 21 e dous netos, de 6 e 4 anos, Ramón confesa que cada día lle resulta máis duro estar lonxe da familia. «Chegamos o martes ás oito da mañá e o mércores xa tiven que vir para aquí facer os cursiños. E son de Ribeira. Cheguei á casa e pasei esa media noite porque ás cinco da mañá tívenme que levantar para pillar o taxi e vir», comenta. A cara do mariñeiro, pese a estar cuberta coa mascarilla fronte ó covid-19, ilumínase cando se lle pregunta se cando volve á casa os netos o recoñecen pese a pasar tanto tempo lonxe deles. «Arre carallo! Iso é o máis bonito! Porque o avó sempre lles trae cousas», sorrí, antes de recoñecer: «Estou que rabeo para poder retirarme cando me toque e disfrutar dos netos. Cos fillos, entre comiñas, penso que botei bastante tempo na casa, pero non é mesmo que unha persoa que traballa en terra. Perdín moitas cousas».


Comentar