Casas reitorais I
Ribeira
21 Jun 2022. Actualizado a las 05:00 h.
As casas reitorais formaron parte da alma das parroquias, nacidas na Idade Media, estrutura territorial perfecta de custodia do territorio e do patrimonio. En número falamos de 3.771 unidades poboacionais, nas que hoxe case 2.500 caeron no abandono, moitas porque as súas aldeas están despoboadas, outras pola carencia de sacerdotes que vivan nelas.
Falamos dun patrimonio popular, que aínda que o seu titular sexa eclesiástico, de millóns de euros cubertos pola matogueira, que de non actuar, viranse ao chan. De feito, un puñado delas xa están na Lista Roja del patrimonio en perigo de Hispania Nostra: casos como o de Corcoesto, en Ribeira (A Estrada), O Canedo, Borela ou Barrán están nesa lista. A lista quédase pequena, tendo en conta a crúa realidade destes monumentos.
Son todas elas impoñentes estruturas pétreas de mellor fábrica que as propias dos veciños, moitas veces con tipoloxía próxima ao pazo galego, que gardaban tesouros do pobo, reliquias relixiosas, arte, libros e incunables dos que non sabemos onde foron parar. Quédanos a estrutura, porque o resto foise caendo por falla de uso e mantemento. Urxe comezar un plan de rehabilitación da maior parte delas, das que aínda se pode recuperar o esplendor que se impón nos lugares onde as construíron. Pero ben sabido é aquilo de que para que se poida rehabilitar, débese rehabitar, darlle un uso que non sexa temporal nin banal.
A asociación que presido solicitou 40 millóns de euros de fondos europeos Next Generation para poñer en marcha un plan piloto, cuxa formulación explicarei no seguinte artigo: Casas reitorais II.