Ferro a fondo no Jran Prix de Carrilanas
Ribeira
Jran Prix de Carrilanas da Dorna 2024
O asfalto da costa da Mámoa vibrou coas trazadas dos bólidos dorneiros
22 Jul 2024. Actualizado a las 21:42 h.
A Festa da Dorna non sería o mesmo sen a velocidade das carrilanas no Jran Prix. Nas beiras da costa da Mámoa non quedou un oco libre para ver como os bólidos dorneiros descendían, ou intentábano entre dificultades e risas, o lendario trazado. As peñas non defraudaron e volveron mostrar que en Ribeira, outra cousa non, pero enxeño e sentido do humor, sobran.
Con varios minutos de antelación con respecto ao que estaba previsto, algo pouco habitual, dou arranque un Jran Prix no que houbo de todo. Rendeuse homenaxe a vehículos que sacan sorrisos a calquera amante do motor, como o Mitsubishi Eclipse de Fast & furious co que baixou Si Sarjo me Lirio ou o Renault R25 de Fernando Alonso no seu primeiro título Mundial e co que Límpame a Jamba impresionou aos presentes.
Tamén levantou aplausos o enorme autobús británico co que percorreron A Mámoa Os Corsarios do Barbansa ou o Batmóvil dos Pintos Joden Quintos, aínda que non alcanzara as velocidades do usado por Christian Bale.
Fume e mensaxes
Coma sempre no Jran Prix non faltaron as mensaxes. Arría o Jallo emulou unha fábrica, con fume incluído, para posicionarse en contra do proxecto de Altri en Palas de Rei. Despois felicitouse polo seu aniversario as míticas peñas Muxo Beti e As Pirañas Joden Cañas, que cumpren nesta singradura 25 e 20 anos.
En todo momento houbo humor, velocidade, adiantamentos e derrapes. O Jran Prix de Carrilanas non fallou e na Dorna aínda queda moita acción por vir.