La Voz de Galicia

A pegada imborrable de Ana Suárez González

Ribeira

Olegario Sampedro
Ana Suárez González

A veciña de Aguiño faleceu aos 22 anos

28 Nov 2024. Actualizado a las 10:40 h.

 

Hai novas que, por descarnadas e crueis, nos incapacitan para atopar e adoptar ningún tipo de resorte racional que nos axude a comprendelas. Neses casos, só nos queda a opción de chorar. Chorar con ganas, arreo, sen disimulo e coa esperanza de que, no baleiro posterior que nos deixa ese lamento, poidamos obter algo máis de forza para seguir chorando.

Ana Suárez González (2002-2024) asomou ás nosas vidas como só aparecen as grandes persoas: amodo e discretamente. Sen darnos conta pasou a formar parte da nosa existencia, pero non coma eses elementos accesorios dos que ás veces nos rodeamos, senón coma os imprescindibles. Do seu exemplo aprendemos a aprender que se un quere, ninguén poderá poñernos límites para crecer, porque Ana dispoñía desa incrible capacidade que demostran os elixidos para superarse e triunfar. En definitiva, foi dela de quen aprendemos aquilo de que só sei que non sei nada e todo, por fortuna, está por descubrir.

Por iso escribo isto mentres choro. Choro maldicindo ese monstruoso azar que hoxe se empeñou en capturar un ser que demostrou que non tiña fronteiras para perseguir os seus soños. Choro na mesma clase onde tantas veces me deu as grazas polo que dicía que aprendía de min. Choro porque non me dei conta de que foi ela a miña profesora. Choro porque non caín na conta de agradecerllo. Choro, en definitiva, co peor dos prantos: o da impotencia. A despedida dunha alumna é sempre a máis vil das ensinanzas e o máis desapiadado castigo para un profesor.

Hoxe quero volver a reafirmarme en que este adeus é imposible que sexa en balde. Estou plenamente certo de que as persoas como Ana deixan pegadas indelebles e imposibles de esquecer. Unhas serán materiais e evidentes, como un obxecto ou unha foto, e outras, moito máis valiosas, estarán agochadas no canto dun recordo, dunha frase ou dunha anécdota. E é xusto aí onde temos que saber atopalas para non perder xamais a esencia da súa lembranza e poder mellorar así as nosas propias vidas. Porque, en recordar, a Negra Sombra nunca nos poderá vencer.

Vai amodo rapaciña. Seguiremos queréndote, todas e todos, sempre.

Olegario Sampedro. Docente do IES Número Un de Ribeira


Comentar