«Hai xente que non entende que se escriba en galego»
Carballo
Entrevista | Modesto Fraga Moure O poeta fisterrán participará a partir de mañá na capital de México, xunto a outros membros do Pen Clube de Galicia, nun congreso mundial de escritores
20 Nov 2003. Actualizado a las 06:00 h.
Xunto a Mario Vargas Llosa, José Saramago ou Carlos Fuentes, haberá en México escritores galegos. Mañá empezará na capital dese país un congreso internacional de escritores no que estarán representados Luis González Tosar, Elena Villar, Xesús Rábade Paredes e Modesto Fraga Moure. Todos eles viaxan ó outro lado do Atlántico como membros do Pen Clube de Galicia e co desexo de que a literatura galega deixe de ser unha descoñecida fóra da comunidade autónoma. - ¿Cales son os obxectivos Pen Clube de Galicia? -O Pen ten como papel dar a coñecer a literatura galega a nivel mundial. A xente segue pensando que literatura galega é a que se escribe en castelán desde Galicia, como Cela ou Valle, e iso é o que estamos intentado cambiar. - ¿Que se sabe fóra de Galicia do que se escribe aquí? -É un coñecemento moi limitado. Sábese de Manuel Rivas, de Suso de Toro, pero moitos lectores pensan que eles escriben en castelán. Os libros tradúcense moi rápido e así é máis difícil. - ¿Que mercado ten hoxe en día a literatura galega? -O portugués é o natural, pero hai que ir pouco a pouco. Aínda queda xente, sobre todo en Sudamérica, que non entende que escribamos en galego tendo unha lingua como o español da que se sinten orgullosos. - ¿Como se pode promocionar a lingua desde o Pen? -En congresos como o de México temos boas opcións. O malo é que estas citas están moi saturadas e non é doado chegar á xente. Nós tamén trouxemos a homes como Sábato ou Saramago a Galicia para que vexan que aquí tamén se escribe e que hai unha cultura propia. Dentro das actividades do Xacobeo 2004 faremos tamén un encontro de escritores no Camiño e virán a Galicia autores de todo o mundo co mesmo obxectivo. - Hoxe en día, ¿que pensa a xente que é a literatura galega? -Para moitos segue sendo Rosalía de Castro e Castelao. Aínda non temos peso literario pese a que hai grandísimos escritores. Xente como Suso de Toro ou Rivas traspasan algo as fronteiras porque eles están vencellados a medios de comunicación cos que poden chegar ó público, pero neles escriben en castelán. Hoxe en día o futuro da difusión da literatura pasa moito polo papel que xogan os grandes medios de difusión. Con eles podes ter 100.000 lectores nun día, algo que non é fácil cun libro.