La Voz de Galicia

Vandalismo, escrotos e libros

Carballo

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

RADIOGRAFÍAS | O |

28 Feb 2004. Actualizado a las 06:00 h.

ONTE NESTA edición saía publicado un artigo que levaba por título Destroceino porque era público. Cando o lin non puiden evitar un sorriso ao ver que o asinaba, un vello (non en idade) amigo, o xornalista carballés Quico Balay. Coa súa pluma ben afiada e unha retranca propia da mellor xenética bergantiñá, denunciaba esa terrible tendencia que teñen algúns paspáns a pasar polo forro do escroto as propiedades públicas. Pouco máis dá poñerse a romper mobiliario no Parque do Anllóns de Carballo, que queimar parte dun monumento en Fisterra ou facer o indio nos vestiarios do campo de fútbol de Soandres. Se calquera pasmón da zona se aburre pode optar por romper cristais nun instituto ou marchar coas tullas que prantaron con todo agarimo os rapaces dun colexio. Eu propoñeríalles a estes inimigos da cousa pública (¿serán ultraneoliberais enardecidos?) outro tipo de diversión máis orixinal e transgresora nos tempos de hoxe: abrir as portas das bibliotecas e papar, literalmente, dunha sentada todos os libros que atopen nas estanterías; porque disque a cultura non ocupa lugar e tampouco está probado cientificamente que produza na xente tanto cabreo estéril e mal canalizado.


Comentar