As últimas propostas da escena galega daranse cita en Carballo
Carballo
09 Aug 2007. Actualizado a las 02:00 h.
O programa On The Rocks, nado ao amparo de Radio Voz Bergantiños e de Internet (ontherocks.blogia.com), baixo a dirección de Quico Balay e coa pequena Pepa Arán nas labores de presentación, para converterse nun amplificador das novas propostas musicais celebrará mañá unha gran festa concerto en Carballo na que actuarán algúns dos grupos e artistas que están despuntando na actualidade ou que o farán nun futuro non moi lonxano.
Os composteláns The Homens abren o cartel da festa e aproveitarán a ocasión para presentar en directo os temas do seu primeiro disco. Tamén pasarán polo escenario do pub Silfo outra banda santiaguesa que está sorprendendo cunha orixinal aposta pola música electrónica en galego, Projecto Mourente, e o trío Franc3s, como representación local e dunha nova fornada de bandas que mestura o punk co pop e os sons alternativos e experimentais.
A pinchadiscos coruñesa Eme, residente no Low Club madrileño e curtida xa con éxito en festivais coma o FIB, e o titular dos pratos do Silfo, Fugaz, serán os encargados de completar a velada musical.