La Voz de Galicia

A obra de Antón Mouzo volve a ver a luz en Vimianzo

Carballo

redacción

Unha mostra do pintor abrirá a sala municipal á que lle dá nome

04 Sep 2011. Actualizado a las 06:00 h.

Catro anos despois da prematura morte do pintor e escultor vimiancés Antón Mouzo Lavandeira (1957-2007), o Concello disponse a tentar saldar unha débeda co artista e co seu legado organizando unha exposición que se poderá visitar na Casa da Cultura desde o venres próximo ata mediados de decembro. «É un acto de xustiza coa súa persoa e con Vimianzo, pois é unha maneira de darlle un recoñecemento a alguén que coa súa obra representou a Vimianzo polo mundo», expresou onte o alcalde da localidade, Manuel Antelo, durante a presentación da mostra.

O rexedor, que estivo acompañado pola nai e o irmán do artista, María Lavandeira e José María Mouzo, e pola técnico municipal de Cultura, Nieves Vilariño, explicou que a mostra servirá tamén para inaugurar a sala de exposicións que leva o nome de Antón Mouzo, e para abrir un ciclo que terá continuidade o próximo ano con retrospectivas dedicadas a outros artistas locais, coma o pintor Xurxo Martiño ou o fotógrafo de Baíñas Antonio Nodar. Orgullosos do noso é o ilustrativo título desta iniciativa coa que desde o Concello queren demostrar que en Vimianzo hai «moito do que presumir».

Os promotores da exposición dedicada a Mouzo queren que sexa unha cita «viva», por iso o programa incluirá actividades paralelas que permitirán lembrar algúns episodios da vida dun artista que levou a Costa da Morte por Europa e América a través dunhas creacións ligadas coa súa terra tanto pola temática coma polas texturas e elementos empregados. «Materiais da terra que pisas, das cousas encontradas», segundo as súas propias palabras.

Actividades paralelas

A mostra será inaugurada o próximo venres e unha semana despois, o día 16, recibirá a visita do escritor Manuel Rivas, amigo persoal de Mouzo, quen lle ilustrou o seu poemario Costa da Morte Blues. Ademais en datas posteriores será proxectada a película Finisterre (Xabier Villaverde, 1998), na que Mouzo participou como asesor artístico, e tamén serán organizadas visitas guiadas para asociacións e centros escolares, segundo explicou Vilariño. Na xornada inaugural estarán presentes familiares do artista e outras persoas do eido da cultura, como Xosé Manuel Villanueva, que ofrecerá a súa visión da vida e da obra de Mouzo, e a muxiá Viky Rivadulla, que falará da arte na Costa da Morte.

A anterior, en 1993

Tras ter pasado por galerías das principais cidades galegas e doutros países, coma Estados Unidos, Colombia ou Portugal, as creacións de Mouzo , que morreu aos 49 anos a causa dun linfoma de Burkitt, poderán ser vistas de novo no seu municipio natal, onde ata de agora só se organizara unha mostra, no Castelo de Vimianzo, e fai xa case que dúas décadas, en 1993, coma lembrou onte Manuel Antelo.

José María Mouzo agradeceu ao Concello esta iniciativa e detallou que a propia familia se encargou de seleccionar as trinta pezas que formarán a mostra e que permitirán achegarse ás súas «distintas etapas e técnicas pictóricas (acuarela, mica sobre óleo, etcétera)». Tampouco faltarán as súas famosas botas de madeira de buxo, inmortalizadas por Rivas nun dos seus poemas.


Comentar