La Voz de Galicia

Neira Vilas entregou á cormelá Diana Varela o premio Estornela

Carballo

o. P. lalín / la voz
Instante no que Neira Vilas fai entrega do seu premio a Diana Varela.

A autora lembrou que de nena gañou un exemplar do clásico do autor cruceño

17 Dec 2012. Actualizado a las 07:00 h.

A avogada e escritora cormelá Diana Varela Puñal recolleu onte na Fundación Xosé Neira Vilas, en Gres (Vila de Cruces), o premio Estornela de teatro infantil que convoca a entidade, e que acadou coa obra Arlequino Viceversa nesta sétima edición.

Varela amosouse emocionada e lembrou que aos 13 anos levara un premio por outro texto escrito no seu concello natal. Entre os agasallos daquel galardón estaba un exemplar de Memorias dun neno labrego, que onte levou a Gres para que llo asinara o seu autor, e anfitrión do acto, Neira Vilas.

Nesta edición do premio Estornela foron galardoados tamén con sendos accésits Carlos Labraña e Lino Braxe, por A fraga das árbores das palabras e O corazón do bosque, respectivamente. O premio deste último foi recollido por Diana Varela xa que el se atopa de viaxe e non puido acudir á gala.

Luis Reimóndez foi o presentador do acto, que contou coa intervención do actor Cándido Pazó e dos gaiteiros Re-Voltas. Entre os presentes estaban o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo, e o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero.


Comentar