La Voz de Galicia

«O que non queira pagar o canon pode abandonar Sogama»

Carballo

manuel rey carballo / la voz PRESIDENTE DE SOGAMA

Lamas insta aos concellos a cumprir a lei de Orzamentos da Xunta

26 Jan 2014. Actualizado a las 07:00 h.

Nas últimas datas, a actualidade de Sogama está marcada pola subida do canon do lixo que provocou as críticas de bastantes alcaldes. O presidente da entidade, Luís Lamas Novo (Lugo, 1971) remítese ao cumprimento da lei cando se lle pregunta por esta polémica.

-¿En qué punto se atopa a polémica do canon do lixo?

-A lei que entrará en vigor en marzo establece os prezos que deberán pagar os concellos adscritos a Sogama. Nos últimos meses, moitos concellos (fálase de case cen), dixeron que ían seguir enviando os seus residuos á nosa planta pero que non van a pagar. É dicir, van a incumprir a lei. Paréceme moi forte que un alcalde se negue a pagar unha factura. Pero confío en que ao final prevaleza a responsabilidade sobre a liorta política.

-¿Intentouse abrir algunha vía de diálogo con estes concellos?

-Houbo unha reunión en concreto na que se chegou a un acordo. Iso foi un venres, e resulta que o luns os alcaldes críticos rachan unilateralmente o acordo sen que se saiban moi ben as razóns, aínda que eu creo que se debeu a motivos políticos. Naquel momento, poderían presentar unha emenda para modificar esta lei, que aínda estaba en trámite. Algúns alcaldes falan de «modificación unilateral do contrato». Pero non é Sogama quen cambiou este acordo, hai unha lei que obriga a ambas partes. O que non queira pagar o canon, pode adscribirse a outro sistema de recollida de lixo e abandonar Sogama. Ten ata o 1 de marzo para comunicarnos que non quere seguir con nós.

-¿Habería que pagar menos polo lixo se os fogares fosen máis responsables na xestión?

-Os concellos pagan por tonelada. Por iso é tan importante traballar dende o primeiro momento na redución de residuos.

-¿Os galegos somos responsables na xestión do lixo?

-É certo que se mellorou nos últimos anos pero hai moito camiño por diante. Contábame hai pouco un alcalde: «Ata os cañotos das coles se tiran ao lixo». Hai algúns aspectos nos que imos ben, pero debemos seguir traballando, sobre todo na separación e redución.

-¿Cales son os retos de Sogama para o ano 2014?

-Estamos moi pendentes da reforma enerxética do Goberno. O curioso e preocupante é que dende xullo do 2013 estamos cobrando a enerxía a un prezo que non sabemos se vai ser o prezo final; se vai ser maior ou menor, ata que Industria se pronuncie.

-Con esta reforma deixarán de ingresar catorce millóns de euros, que alternativas teñen?

-Unha vez que se aclare ese prezo final, estaremos en condicións de tomar medidas. Decidir antes sería unha irresponsabilidade. A idea é incrementar aínda máis a eficiencia da planta e así non ter que aumentar a capacidade de incineración.

LUÍS LAMAS NOVO PRESIDENTE DE SOGAMA


Comentar