La Voz de Galicia

«O meu soño é ver unha Costa da Morte desenvolvida»

Carballo

Manuel Rey carballo / la voz

O escritor muxián participa estes días en dúas interesantes citas para a divulgación da historia e a paisaxe da vila

13 Aug 2014. Actualizado a las 07:00 h.

O divulgador Xan Fernández Carrera ten dobre cita esta fin de semana na súa vila, Muxía. O venres coordina a Ruta Abentiana, na honra do poeta López Abente, e o sábado presenta a súa guía Descubre Muxía.

-¿Quen foi Ramón Caamaño?

-Un gran fotógrafo da Costa da Morte. Tiven a honra de coñecelo e facer un libro sobre a súa vida e a súa obra.

-¿Verbena ou foliada?

-Estou máis a gusto nunha foliada. A relación humana paréceme máis intensa que na verbena.

-¿A que dolmen lle chaman a catedral do megalítico?

-A Dombate. Pero non podemos esquecernos do reto da ruta dos dolmens na zona.

-¿Cando foi o último faro que se construíu en Galicia?

-O da Punta Nariga, unha obra de César Portela moi ben adaptada ao entorno.

-¿Cal foi a última vez que puxo unha lavadora?

-Onte. Puxen catro ou cinco, tiña moita roupa acumulada.

-¿Un defecto?

-Son despistado. Ando sempre con notiñas de papel e no móbil para non esquecerme.

-¿Cal é o punto máis occidental de Galicia?

-Touriñán.

-¿Que poeta andaluz lle dedicou un poema á Barca?

-García Lorca. Non sabemos seguro se estivo en Muxía, pero si lle chegou información da romaría e escribiu o poema.

-¿De que castelo foi dono Rui Soga Mariño de Lobeira?

-Supoño que o de Vimianzo.

-¿En que lle gusta pasar o tempo nas vacacións?

-Saír a pasear, ir á praia, a lectura, saír por Muxía e tomar algo...

-¿Cantos anos ten Avelina Mouzo, a avoa da Costa da Morte?

-Ten 109. A finais de ano cumpre 110. Foi miña veciña, porque me criei na Ponte do Porto. É unha señora moi agradable, sempre cun sorriso na cara. Un orgullo para a xente de alí.

-Un soño por cumprir.

-Ver unha Costa da Morte desenvolvida, concienciada do seu patrimonio, que a xente non tivera que emigrar e ter traballo na súa propia terra.

-¿Onde está o pazo de Romelle?

-En Zas. E ten uns xardíns moi fermosos.

-¿Praia téxtil ou nudista?

-Por costume, a téxtil. Eu vou sempre á praia da Cruz.

-¿Onde naceu o almirante Mourelle?

-En Corme. Foi un gran descubridor do Pacífico Norte.

-¿Licor café ou caipirinha?

-O licor café.

-¿Onde prefire rematar o Camiño? ¿En Fisterra ou en Muxía?

-Rematar en Muxía, pero pasando por Fisterra.

verano sin tregua


Comentar