La Voz de Galicia

«Tratamos de atopar esas grandísimas ideas que tamén existen ao noso redor»

Carballo

m. rey /  ORGANIZADORA DEL TEDXGALICIA á. palmou ORGANIZADORA DEL TEDXGALICIA

Carballo acollerá mañá a xuntanza anual dun foro de debate importado de EE.UU.

22 Jan 2015. Actualizado a las 05:00 h.

Bill Gates, Al Gore, Jane Goodall, Isabel Allende ou Richard Branson son algúns dos persoeiros que teñen pasado polo foro TED, creado en California hai xa 30 anos, e que desde o 2010 dispón dunha experiencia similar nesta comunidade baixo a denominación TEDxGalicia. Carballo será escenario mañá (Pazo da Cultura, 16 horas) da sesión anual deste encontro promovido por Juan Marcos Pérez Gulín, director tamén da Fundación Galicia Sustentable.

-¿En que consiste este foro?

-Basicamente, o definiriamos como unha experiencia, pero en realidade é complexo de transmitir e o que nos gusta é que a xente que vén cada ano ten moitas gañas de contarllo aos seus amigos e compañeiros, pero tampouco é quen de explicalo. É unha experiencia que hai que vivir arredor das ideas, das iniciativas e do coñecemento que temos ao noso carón.

-¿Cal é a súa orixe?

-Xurdiu como xorden moitas das cousas que logo vemos nos filmes americanas. Xuntáronse un día un grupo de xente e comezaron a falar, a compartir ideas e a crear un espazo diferente onde non fose todo a educación formal ou falar «do meu libro», senón compartir ideas ou reflexións que como di ese pequeno slogan merecen a pena ser compartidas. Iso comezou a medrar e despois no 2009 sacou un programa para a deslocalización do evento, porque se seguía a facer exclusivamente nos Estados Unidos, e desde o 2010 temos unha licenza da fundación TED para facelo aquí en Galicia.

-¿Quen vai participar na xuntanza de Carballo?

-Sempre buscamos os perfís máis diversos. O formato impulsárano persoeiros moi coñecidos que foron os que lle deron ese atractivo inicial, pero agora estamos no seguinte paso no que o que tratamos de facer é atopar esas grandísimas ideas que tamén existen ao noso redor. Entón, os poñentes do noso evento son da contorna máis próxima e temos desde artistas, empresarios, emprendedores, granxeiras... Hai un pouco de todo.

-E tamén xente da comarca, como a pintora Milagros Cotelo, ou o actor Vicente de Souza, que será o presentador do acto.

-Así é. Milagros ten un feito significativo evidente que son as dificultades a maiores que topa ela para facer algo tan espectacular como é a súa obra, e vai compartir con nós cousas moi cotiás, pero que se cadra non temos tempo no día para reflexionar sobre elas.

-E a acollida parece que foi boa porque as prazas están esgotadas.

-Si. Enchemos o aforo do Pazo, pero todas as charlas serán gravadas e na semana seguinte todo o mundo poderá velas a través de Internet gratuitamente e sacar partido desas ideas, porque queremos que isto máis que un evento, sexa un movemento.


Comentar