La Voz de Galicia

Lonxe e cerca

Carballo

Santi Garrido

03 Dec 2015. Actualizado a las 22:17 h.

Teño comentado o ano pasado que, cando chega a neve a Suíza, todos os que temos a moita xente asociada nas redes sociais e que viven por aló, xa vemos dende o principio como van caendo as folerpas. Antes ca as do Cebreiro ou as do Piornedo. E grazas a eles, podemos identificar por onde hai máis frío ou como se ve a paisaxe pola ventá. Cada mes imos estreando contactos: eu vexo como van as cousas por Menziken, que nunca o sabía, ademais dos sitios habituais. Incluso a veciños que van no tren centenario que enlaza Coira con Arosa, así como soan, non lonxe de Guarda, que xa é casualidade para lugares no norte do país.

Pero do que máis te enteras é das festas, das comidas, das xuntanzas. Sempre dixen que en Suíza hai moitas parroquias da Costa da Morte. En Liechtenstein, unha completa de 300 emigrantes da zona. En Delémont, case un municipio. Pero o destas reunións non ten parangón no eido da emigración galega en ningún outro país do mundo. Parece unha afirmación esaxerada, pero creo que se sustenta. Actos en A Nosa Taberna, en Berna. En A Nosa Costa, en Delémont. Caras case todas coñecidas porque van e veñen á comarca con regularidade. Produtos que lles levan os dez taxistas que fan as viaxes habitualmente. Len as noticias da comarca na web da Voz, coméntanas. Falan na barra dos asuntos que ocorren nos seus respectivos lugares. Fan viaxes fugaces para arranxar temas de familia, herdanzas, vodas, negocios, médicos. Todo isto non ocorre en ningunha outra parte do mundo. Diría que nin en Madrid, Barcelona ou Arán, onde tamén temos moitos emigrados. Cousas que pasan.


Comentar