Cafés contra a astenia
Carballo
07 Nov 2016. Actualizado a las 12:23 h.
Veño de deixalos na escola, pero a casa aínda ole a colonia de nenos. Antes de me meter no cuarto que fai de oficina, recollo a louza do almorzo e un par de libros que andan estrados polo sofá. É un día raro. Sei que o é porque ao acender o ordenador busco no spotify un disco Bruce Springsteen. Se me estivese vendo un amigo, diría que escoitar My Hometown é sinónimo de estar un pouco de baixón. Engadiría que as tres únicas causas posibles da melancolía no ser humano son: a astenia primaveral, a angustia existencial ou o mal do raxo.
Descartemos a angustia existencial. Con máis ou menos fortuna, dou por superada a crise dos corenta. Ademais, hai anos que Sartre e Camus non veñen dirimir as súas diferenzas á miña mesiña de noite. Mellor así. Houbo un tempo no que me declarei partidario do primeiro. «O inferno son os outros» e a actualización do principio de que «a fin xustifica os medios». Despois, no meu estado de dúbida permanente, abracei o pensamento contrario: «on os medios os que deben xustificar a fin» e, sobre todo, «a liberdade é sempre unha oportunidade para sermos mellores».
Ao fío de Camus, penso agora na porta do baño da facultade. Canda infinitos debuxos pornográficos, estaba escrito todo un manual de difamacións: animadversións políticas a supostas filias e parafilias do profesorado. No medio daquel collage de reflexións escatolóxicas aparecía escrito en maiúsculas «Camus: cabrón, burgués, traidor». Tiña que terme dado conta naquel preciso momento. Que máis de trinta anos despois da súa morte un estudante sentado nun baño se acordase del (aínda que fose para mal) era ben significativo da relevancia histórica da súa figura.
O da astenia primaveral non é descartable, mellor dito a outonal, que aínda sendo menos coñecida tamén existe. Os síntomas? Alteración de biorritmos, decaemento e cansazo. Como combatelos? Pois, basicamente, durmindo, comendo ben e facendo exercicio. Nada novo. Porén debo dicir que dubido que sexa astenia porque a min o outono nunca me pareceu mala estación. Todo o contrario, case diría que é a miña preferida. Ten moito de transición, de cambio, de reflexividade. Só lamento non ter unha cociña bilbaína no piso para darlle ese punto máis torrado ás castañas.
Analizadas as dúas posibles primeiras causas, tería que centrarme no mal do raxo. E si, diso padezo. As horas sentado diante dun ordenador pasan factura en forma de contracturas varias. Non lle dou máis voltas. Springsteen está agora cantando Brilliant Disguise. Cambio. Sen saber moi ben como, acabo nunha versión que fixeron os Mott the Hoople do Sweet Jane de Lou Reed. É un día estraño, tamén musicalmente. Neste estado de confusión non son quen de escribir nada. Decido adiantar un par de horas a pausa do café. Apago o computador e bótome á rúa.
Na cafetería están os fixos: o funcionario da Xunta que le a prensa deportiva, o tipo pálido que naufraga nun combinado de brandy e viño doce e tamén o grupo de pensionistas que sempre discuten de política. Hoxe, supoño que por cuestión de axenda informativa, están divididos entre pedristas e susanistas.
Santi aparece co café con leite e cun par de churros que sempre pon de balde. Psicólogo de barra como é, dispara á liña de flotación.
-Ramón, teño que contarche un chiste que escoitei a primeira hora da mañá na radio.
-Son todo oídos.
-Un autónomo é un traballador que pensa que unha baixa é unha señora moi pequeniña.
Chíscame un ollo e marcha atender outro cliente. Déixolle a moeda dun euro enriba do mostrador e regreso á oficina. Creo que o principio de astenia outonal quedou perdida no pouso do café.