La Voz de Galicia

Adeus a Pazos de Merexo, mestre do floreo e da memoria

Carballo

Pazos de Merexo e o seu acordeón diatónico: as imaxes dunha vida

O acordeonista, de 92 anos de idade e natural de Muxía, faleceu este luns. Será enterrado o martes 26 de marzo no cemiterio parroquial de San Martiño de Ozón

25 Mar 2019. Actualizado a las 21:43 h.

Os áxiles dedos de Pazos de Merexo xa non viaxarán máis polos botóns do seu inseparable acordeón diatónico. Ese que mestrou, xunto cuns pouquiños tocadores máis, cando o que predominaba era o acordeón piano que empregaban nas orquestras profesionais. Ese co que creou escola e serviu de referente para ducias de novos músicos que se atreveron co diatónico.

Manuel José Pazos Redonda faleceu este luns 25 de marzo no seu Merexo natal aos 92 anos de idade, a piques dos 93. Deixa dous fillos: María José e Pedro, grazas ao cal volveu a coller o acordeón despois dunha temporada de silencio musical tralo falecemento da súa dona, en 1989. Animouse de novo no 1996, para acompañar a viaxe de autobús que os gandeiros galegos fixeron ata Madrid para a gran manifestación na Castellana. E máis tarde no 2008, cando a protesta en Merexo contra a piscifactoría. Aí lle chegou a Pazos de Merexo o tan merecido recoñecemento.

Visitou programas de televisión, actuou nos escenarios dos grandes teatros galegos, recibiu visitas de investigadores musicais interesados en aprender dun mestre que fixo súa cada peza que interpretou, adaptándoas e engadíndolles o «floreo», unha habilidade que imitou -e mellorou- dos Carolinos.

Gravacións, premios, un libro-disco biográfico no que Xurxo Souto e Pedro Pascual recolleron parte do seu repertorio.. Incansable festeiro e inimitable tocador, chegou a participar no festival de Cans.

Os restos mortais de Pazos de Merexo están a ser velados no tanatorio do Grupo Bergantiños en Muxía, e a condución do cadáver está prevista para as cinco e media deste martes 26, cara a igrexa parroquial de San Martiño de Ozón.


Comentar