Corme e Irlanda: a incrible orixe da ermida da Estrela
Carballo
Apuntes históricos | Cómpre unha reflexión sobre o interese dunha intervención arqueolóxica na illa
17 Sep 2019. Actualizado a las 05:00 h.
En 1548, corenta anos antes de que o papa Sixto V aprobase as ladaíñas á Virxe, unha das cales é stella matutina (estrela da mañá), xa a Virxe da ermida de Corme levaba a estrela no seu nome. A estrela vincúlase a miúdo á Nai de Deus e aos mariñeiros, que a invocan tamén como stella maris, e así se manifesta na Salve mariñeira. Pero o tempo, que o destrúe todo, non sempre é máis clemente cos nomes, que poden mudar ou desaparecer. Pois ben, nese afastado ano de 1548, nun documento do arquivo da catedral de Santiago, emerxe un orixinario e auténtico nome: hai en Corme «una ermita que llaman Santa María de Viastela».
Viastela sería, en perfecto latín, Via stellae, é dicir, vía ou camiño da estrela. E aquí é onde o primixenio nome da advocación suxire matices interpretativos. Había un itinerario mariano e marítimo ao longo e preto da costa? Ou eran estas ermidas puntos de referencia para os mariñeiros, é dicir, ese camiño que guía porque a Virxe é iso, unha stella maris que ilumina a vía? Ambas hipóteses non son excluíntes. Ademais, hai outras advocacións similares cara a terras do interior, como a extinta dos Baños de Carballo ou de San Tomé de Monteagudo, freguesía de Arteixo na que aínda se conservan as paredes da que foi «hermita de Nra S.ª de Viastella», curiosamente a mesma denominación que a de Corme, o cal avalaría as teorías devanditas. Na colexiata da Coruña oran tamén a unha Virxe da Estrela. Outros santos e santas foran venerados igualmente no litoral, como o malpicán San Bartolomé do Mar en Cambre (existente xa en 1548), ou as moitas santas Mariñas, como as de Razo, Niñóns ou Balarés.
No mesmo arquivo, outro interesante documento de 1598 aporta nova información para valorar a importancia da ermida de «San Adriao de Corme». Á parte de citar a da Nosa Señora dos Remedios fundada polo clérigo Juan Lago, di que «ay otra fuera desta en una ysla que llaman Nra Sª de Viastela donde dizen que bivio heremiticamente un obispo de yrlanda que antiguamente la fundo y se enterro en ella». Si: un obispo de Irlanda fundou a ermida! Se cadra un fuxido dos conflitos relixiosos na súa terra.
Por sorte, o documento traza unha breve descrición da capela, da que ningún dato tiñamos ata agora: «Ay gran numero de piedras de sepulturas a la parte de afuera al lado de la Epístola [parte dereita, mirando cara o altar] y uno como cavildo con su capilla al principio que demuestra el concurso que devio de aver en otro tiempo en esta hermita».
Dado que un «cabildo» é unha xuntanza de persoas, entendemos que a ermida tivo un espazo algo amplo -se cadra o adro mesmo, quen sabe se con bancos corridos de pedra- para ese «concurso» de xentes que xa entrara en decadencia en 1598, segundo se deduce. Non hai constancia de que houbese confraría, pero de habela podería ser tamén lugar de asemblea dos seus membros. Sinala finalmente o informante que a ermida ten unha carga de trigo de renda e que as ofrendas se destinan para facer as reparacións necesarias. Cómpre unha reflexión sobre o interese dunha intervención arqueolóxica na illa, sequera mínima; é ademais incomprensible que o capitel da capela atopado hai pouco polo cormelán Suso Lista non fose preservado. Outros restos pétreos poden verse aínda hoxe.
A Virxe de Brantuas presenta similitudes co caso anterior: é unha luz que guía e tamén o paso dos séculos afectou á súa denominación. Así, lemos noutro documento que en 1731 o escultor Domingo Martínez, natural da parroquia vimiancesa de Tines, elaborou o «retablo de la hermita de Nuestra S.ª del Faro, y del Farol». Axudouno o canteiro e ermitán da mesma capela, un tal Gregorio Varela. Deste escultor sabiamos, polas investigacións de Lema Suárez, que traballara tamén na capela do Briño de Borneiro; o retablo e imaxes do Faro veñen ampliar, por tanto, o catálogo da súa obra.
Unha estrela ou un farol: tal foron, para os afoutos mariñeiros, estas entrañables Virxes aínda hoxe veneradas nas romaxes de setembro.
Como servizo á historia e á toponimia, recuperemos para o recordo, sen perda dos actuais, os seus auténticos nomes.